Entrevista a Farruco Graña en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de publicar o teu terceiro libro, Badaladas de Anllóns (Edicións Embora), no que volves á túa terra natal para contar novas historias.
– Farruco Graña (FG): Volvo á comarca de Bergantiños, onde o seu referente principal é Carballo, o concello onde nacín, aínda que a trama e os distintos relatos que conforman o libro fan referencia tanto a parroquias do concello de Carballo como da Laracha ou Ponteceso. E fai un salto cara á Mariña luguesa a raíz dunha peza musical de Rogelio Loureda que é ‘Campanas de Anllóns’.
– SG: Hai algún fío que una os relatos ademais do Anllóns?
– FG: O fío fundamental é o río Anllóns, as xentes do río, as campás do senfín de igrexas que van coroando todas as parroquias en torno ás cales se van desenvolvente o curso dos distintos afluentes que conforman o río. Ese é o fío fundamental, pero cada unha das historias ten entidade por si mesma, pero si que é certo que todas elas foron xurdindo segundo fun tendo ocorrencia de cada unha das historias, e acaban compartindo un certo ar de familia que poderiamos sintetizar no reto que foi para as nosas xentes dos dous últimos séculos ir afrontando os cambios que se lle presentaban, cambios derivados da transformación dunha sociedade netamente rural de finais do século XIX a unha sociedade cada vez máis urbana, ben sexa na cidade mesma ou nas vilas de referencia, pero tamén chegan eses cambios ás nosas aldeas. Nese sentido, o reto que supón afrontar eses cambios sen perder sinais de identidade dalgunha maneira van dando sentido aos distintos relatos. Os relatos parten, o primeiro deles, ‘O talismán’, do século XVI, que é un pouco a excepción, até os nosos días. Pero a maioría están ambientados no século XIX e XX, e tamén ten unha mirada singular ao mundo da emigración, sobre todo á europea. Procurei buscar o lado positivo ante a miseria e a pobreza que asolaba as vidas de moitas das nosas xentes, buscar o reto da aventura. Nese sentido, o fío condutor é o reto da aparición da transformación da nosa sociedade, cada vez máis urbana e tamén como conservar os sinais de identidade, porque ás veces ese ar de urbanidade, de nos deixamos levar polos tempos, pode acabar desembocando en abandonar as nosas raíces, e iso nunca. E iso dalgunha maneira procuro representalo nas diferentes vivencias que teñen as persoas que dan vida a estas historias. (…)
– SG: Levas escribindo desde a universidade, e agora compaxinas a escrita coa docencia e co teu labor político, tamén no terreo da xestión cultural. Como ves o sistema literario galego desde todas esas perspectivas?
– FG: O sistema literario galego salta á vista que está atravesando anos difíciles. De feito, no libro eu falo de que estes son tempos similares aos dunha guerra. Non hai mortes tan evidentes, nin edificios derrubados, pero no plano inmaterial hai moitísimos lazos, moitísima actividade que desapareceu e parece que pasou por aquí a apisonadora dunha guerra e, posteriormente, a consecuente represión do bando vencedor. Cal é o vencedor nesta ocasión? É o sálvese quen poida e quen non, que se apañe, a insolidariedade… Nese sentido a destrución foi importante e reconstruír todos eses lazos e lograr reconducir a actividade cultural está costando. Iso si, tamén espertou moito a imaxinación, non tanto no plano literario, senón no mundo do espectáculo, en maneiras de facer, en como os grupos musicais se van reestruturando e se foron combinando entre si para facer máis asequible a súa oferta. A xente non quedou parada, moveuse, pero foron anos duros. Eu no labor institucional como concelleiro de Cultura só levo dous anos, pero anteriormente na asociación Francisco Lanza de Ribadeo, decatábaste de que era era moi difícil. Mesmo aínda que haxa vontade política, os recursos minguaron moito, e o do libro é unha situación difícil. Eu non quero ser pesimista e quero mirar para adiante e achegar o meu minúsculo grao de area, pero hai que potenciar o libro galego e a nivel comarcal e local temos un papel importante que cumprir porque se non, pintan bastos. Pero quero ser optimista, iso si, co traballo de todos os días, non optimista de sentar e agardar a que pase o temporal. Non, movéndonos, facendo cousas e aventurándonos.”