Carballo: actividades dos 9, 10 e 11 de xullo na Praza dos Libros 2026

Praza dos Libros 2026, en Carballo

Farruco Graña: “O que une os relatos é a idea de viaxe e de navegar, entendido como un percorrido vital”

Entrevista de Raúl Salgueiro a Farruco Graña en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): O libro é unha travesía onde recompila varios anos de traballo. Que une realmente todos os relatos?
– Farruco Graña (FG): O que une todos os textos é a idea da viaxe e dese navegar, tanto de forma literal como metafórica, entendido como un percorrido pola vida e polas emocións. A través de diferentes personaxes percorro paisaxes do Courel, de Carballo, de Ribadeo ou da comarca eonaviega, sempre acompañado por autores de referencia como Uxío Novoneyra, Manuel María ou Suso Peña. A través deles vou construíndo personaxes que evocan biografías imaxinadas e falan da súa relación con eses autores e coa súa terra. Todos compartían unha forte conexión coa terra e a necesidade de valorar o propio.
No libro conviven textos escritos en momentos moi distintos. Hai relatos de hai cinco anos, outros recentes e tamén escritos de hai quince ou vinte anos que quedaran gardados nun caixón. Ao xuntalos decateime de que todos compartían un mesmo universo. As ilustracións de Mon Lendoiro tamén acompañan o libro. Foi el quen me fixo a proposta. O que pensaba que sería só unha portada acabou converténdose nunha ilustración para cada relato, algo moi especial para min porque soubo entender perfectamente o meu universo literario.
– ND: Hai algunha historia do libro que lembre con agarimo?
– FG: Todos os relatos teñen certa importancia emocional para min. Pero Eu voun navegar ten un significado especial. A historia naceu das conversas cun amigo do Courel que xa non está connosco e que acabou sendo mariñeiro e percorrendo medio mundo. A idea dun rapaz do Courel soñando co mar ofrecíame moitas posibilidades literarias, especialmente collendo a figura de Uxío Novoneyra. Ao final, todo nace da paciencia, de escribir pouco a pouco e do pracer de combinar o que outros contaron, tanto desde a literatura como desde a experiencia vivida. (…)”

Ribadeo: Letras no campo 2026

Letras no campo 2026, en Ribadeo

Acta da reunión do xurado dos Premios da XVI edición do Certame Literario Terras de Chamoso

Desde a Asociación Cultural Arumes do Corgo:
“Sendo as 19:30 h do día 12 de decembro de 2022, na localidade do Corgo, reúnense os membros do xurado para fallaren os premios da XVI edición do certame literario Terras de Chamoso, convocado pola Asociación Cultural Arumes do Corgo, do que forman parte:
D. Xurxo Xosé Rodríguez Lozano
D. Xosé Manuel Castro Castedo
Dna. Beatriz Pin Díaz
Dna. Sonia Melón Parente
D. Eduardo Carreira López
Exercendo de secretario do xurado, sen voto, o secretario da A.C. Arumes do Corgo D. Mario Outeiro Iglesias.
Logo das deliberacións pertinentes e das votacións oportunas, os membros do xurado conclúen declarar premiados na XVI edición do certame literario Terras de Chamoso como segue:

CATEGORÍA: INFANTIL
Modalidade: poesía
1º premio: Paula Reija Folgueira, de Monte (Castroverde), pola obra “Sempre galego”.
2º premio: Carolina Freire Cando, de Montecubeiro (Castroverde), pola obra “Miña Terra”.
Modalidade: relato
1º premio: Carla Carracedo Fernández, de Lugo, pola obra “A matanza”.
2º premio: Juan Carlos Álvarez Díaz, de San Pedro de Río (A Fonsagrada), pola obra “Relatos do pasado”.
Premio “A Legua Dereita”: Carla Carracedo Fernández, de Lugo, pola obra “A matanza”.

CATEGORÍA: XUVENIL
Modalidade: poesía
1º premio: deserto.
2º premio: deserto.
Modalidade: relato
1º premio: Ariadna Cambeiro Pérez, de Santiago de Compostela, pola obra “Se o silencio falase”.
2º premio: Julia Amoedo Méndez, de Redondela (Pontevedra), pola obra “A simple historia do mensaxeiro”.

CATEGORÍA: ADULTOS
Modalidade: poesía
1º premio: Natalia Lema Otero, de Vimianzo (A Coruña), pola obra “Heterocromía”.
2º premio: Eva González Blanco, de Lalín (Pontevedra), pola obra “Crisálida”.
Modalidade: relato
1º premio: Xosé Farruco Graña Rama, de Ribadeo, pola obra “Eu voun navegar”.
2º premio: Agustín Lorenzo Fidalgo, de Ourense, pola obra “Unha aldea viva”.

Os membros do xurado agradecen a colaboración de Dna. Ainhoa Sancosmed López pola axuda prestada para a elección do Premio “A Legua Dereita” e de D. Manuel Fernández López e Dna. Chelo Vázquez Castro polo seu asesoramento nas categorías infantil e xuvenil.
E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión, cando son as 21:00 h do día 12 de decembro de 2022.”

Ribadeo: Letras no Campo. VIII Feira Ribadense do Libro 2022

Foz: actos destacados da Feira do Libro do venres 18

O venres 18 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Presentación de Celebración de Mondoñedo, de Antonio Reigosa, publicado por Embora. No acto participan, xunto ao autor, Paco Piñeiro, Martín Fernández Vizoso e Miguel Toval.
20:00 h. Presentación de Badaladas de Anllóns, de Farruco Graña, editado por Embora.
21:00 h. Presentación do libro Os nomes do terror, publicado por Sermos Galiza, coordinado por Xosé Ramón Ermida Meilán. Participa Carlos Nuevo.