Entrevista a Eva Mejuto en Sermos Galiza arredor de 22 segundos:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Ti defendes que a literatura serve para axudarnos a entender a vida. Sen embargo, saíron voces críticas que dicían que na cultura galega hai exceso de literatura de valores e defecto de literatura a secas. Como ex editora e escritora, que opinas?
– Eva Mejuto (EM): A literatura é certo que ten que estar ben contada: personaxes ben construídas, unha acción, unha trama, que sexa crible, etc. Iso é fundamental, pero iso non quere dicir que non poida ter outras características: pode servir para entreter, para evadirse, para inventar mundos que non existen… pero sempre serviu tamén -e para min sempre servirá- para coñecernos primeiramente a nós mesmos e logo o mundo que nos rodea. E para min ese debate é absurdo, porque unha cousa non está ‘reñida’ coa outra. Se unha historia está mal contada non funciona, porque non vai conseguir aquilo que se pretendía. Pero os valores son intrínsecos, ti cando contas unha historia contas tamén unha ideoloxía, uns valores… Estas historias de fantasía, Harry Potter, etc. non están exentas de valores, aínda que non estean tan evidentes. Tamén conlevan comportamentos e roles de xénero. Un libro ten que estar sempre ben construído, ten que ser estimulante, ten que retar á persoa que o le, pero iso non quere dicir que non poida levar consigo ideas, valores e ferramentas que che axuden a ter unha perspectiva crítica da sociedade para que aprendan a pensar por si mesmos.
– SG: Esta é a túa primeira novela xuvenil, pero creo que tes máis proxectos na gaveta, o que quere dicir que chegas para quedar. Que nos podes contar dos teus vindeiros proxectos?
– EM: Si que é certo que teño moitas historias gardadas e teño gana de contalas. A verdade é que hai aí unha historia escrita, só lle faltan unhas voltiñas, e tamén teño un proxecto para público mozo que ten que ver coa recuperación da memoria. Si que me gustaría falarlles aos rapaces de partes do noso pasado que penso que non están contadas de todo, non aparecen nos libros de historia oficial e probablemente eles xa non teñan contacto con xente que o viviu. Estou agora nun proceso de investigación de varias historias que van acontecer en distintas épocas. Basicamente acontecen en distintos momentos da historia do noso país, vai nesa liña do que me apetece escribir. Tamén ten que ver coa tese de doutoramento á que lle dediquei moitos anos, que vai da literatura infantil como ámbito para o testemuño, e supoño que iso me influiu moito á hora de analizar os libros infantís. E resulta que unha das cousas que descubrín nos álbums ilustrados é que había moitos máis libros sobre a II Guerra Mundial que da Guerra Civil. Logo aparecen libros de texto que din que Lorca morreu accidentalmente, así que paréceme importante contar a historia desde distintas perspectivas. Había unha profesora vasca que dicía que ás veces a ficción serve para encher os baleiros da historia oficial, e esa idea gustoume moito. (…)
– SG: Como creadora e ex editora, como ves a industria editorial galega, que parece que non despega?
– EM: Unhas van e outras veñen. Eu veño de estar na pasada fin de semana na Festa dos Libros de Pontevedra e a verdade é que foi fantástico, con moito público, moitos libros, moitas librarías… Se cadra é unha illa, pero cando ves que hai lectorado, libros de calidade…. dá moito ánimo. Pero si que é certo que o sector leva pasando por unha etapa complicada máis tempo do que se debera. Houbo editoras e librarías que quedaron no camiño, e cunhas políticas públicas que non o fan demasiado ben, entón é complicado e duro, así que as editoras teñen que controlar bastante o que editan porque hai que minimizar riscos. Por iso é tan importante a literatura infantil e xuvenil, porque crearmos lectores novos é fundamental. Ou nos aseguramos que temos unha produción que atope un público ou a cousa complicase moito. Eu teño esperanza, pero co realismo de saber que o sector está a sufrir moito. Pero, por outra banda, hai creadores e creadoras fantásticas, un caldo de cultivo interesante e creo que fan falta iniciativas que unan esa produción literaria co público interesado, ademais de formar para que o resto do público se achegue, que hai moito reality na televisión e moita Internet, que ocupa tempo de máis, e esquecemos o importante que son os libros na nosa vida para conformármonos, para formar o noso pensamento e tamén para reflexionar. Hai que pararse neste mundo tan rápido. O tempo de parar, de poñerse a ler, de gozar e de pensar é algo que como sociedade temos que replantexarnos.”