Pontevedra: Festa dos Libros 2024

Compostela: actividades do 11 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)

Premios da Crítica de Galicia 2023

Eva Mejuto, autora do relato ‘Trini’: “A Trini teríalle feito ilusión esta homenaxe”

Entrevista de Ana Loureiro e Eva Mejuto en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xorde a idea de transformar as entrevistas á activista LGBT+ Trinidad Falcés nun relato?
– Eva Mejuto (EM): As conversas que tiven con Trini foron feitas para o libro Memoria Diversa e sempre me quedou a sensación de que a vida de Trini, e a relación que se estabeleceu entre Trini e eu, daba para moito máis. Estiven con ela moitísimo tempo e rematamos tendo unha relación afectiva moi íntima. Os propios encontros nos que tiñamos as entrevistas eran tamén moi particulares.
Quedábanme moitas cousas por dicir e cando me propuxeron facer este conto tiven clarísimo que tiña que falar disto. Dalgunha maneira este relato reflicte a personalidade de Trini xusto no cabodano da súa morte e iso paréceme unha homenaxe que lle tería feito ilusión.
– ND: Como se transmite esta relación que tiña con Trinidad a través do texto?
– EM: Cando escribín Memoria Diversa tiven que coller as entrevistas e darlle unha estrutura lóxica. Neste caso eu procuraba reflectir a frescura, a personalidade, a súa voz… A min Trini non me contou moitas historias até que colleu confianza e se decatou de que tiña interese nela. Dá a sensación de que me puxo a proba. A voz de Trini alterna o relato testemuñal con cuestións máis persoais e eu intentei manter os dous planos, o da vida e o das emocións, así como a súa relación coa xente doutras xeracións. Ela non me quería contar todo porque quería que volvera, o que lle pasa a moitas persoas maiores que o que precisan é compañía.
Os maiores do colectivo LGBT+ sufriron moitísima represión e forxáronse personalidades moi rexas. No caso de Trini, ela rematou nunha residencia e non sabía se o resto dos maiores ían entender a súa vida. Como sociedade temos como conta pendente atender as persoas maiores, especialmente as do colectivo LGBT+. Temos a necesidade e o deber de devolverlle parte da dignidade que se lles roubou. (…)”