Reportaxe de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“«Cos seus libros póstumos publicados ao longo deste ano semella que Agustín está aínda entre nós». O crítico literario Ramón Nicolás resume o sentir dos moitos lectores que tivo en vida Agustín Fernández Paz, de quen o vindeiro mércores se fai o primeiro cabodano do seu pasamento aos 69 anos. A recente publicación de Un mundo de palabras (Xerais) testemuña ese fenómeno dobre: dunha banda, propicia esa miraxe dun escritor en plena actividade; doutra, é un chanzo máis na obra dun autor que precisamente por vocación e calidade se situou sempre fóra do tempo.
Esta calidade inflúe na percepción do conxunto da súa escrita: «Éme difícil avaliar se se produciu algunha modificación na avaliación da súa obra en conxunto na sociedade lectora pois para min sempre foi un dos grandes autores contemporáneos: coidadoso na súa obra ata a extenuación abriu, ademais, camiños polos que novas xeracións transitan agora», analiza Nicolás, quen tamén invoca a atemporalidade dos libros de Fernández Paz: «Ao tratarse, a súa, dunha obra con clara vocación de permanencia non é difícil conxecturar que, co paso de tempo, vaiamos notando máis a súa ausencia, malia que sempre teñamos o consolo de atopalo nos seus libros».
«Confío que a medida que pase o tempo, a figura de Agustín Fernández Paz ocupará o espazo que merece na literatura galega de entre séculos, tanto polo seu papel fulcral no desenvolvemento do subxénero infantil e xuvenil como, e sobre todo, pola súa forma de entender a fluidez da escrita narrativa», vaticina o seu editor, Manuel Bragado, director de Xerais. Neste selo aparecerá no 2018 A patria da lingua, «unha obra que Agustín deixou planificada aínda que non puido finalizar completamente» sobre cuestións de política lingüística. Sobre a mesa está tamén a posibilidade de publicar outro inédito, un texto de teatro para monicreques, mentres Xerais continuará co «proceso de comunicación do conxunto da obra de Agustín» e a súa colaboración co premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome e que resolverá a súa primeira convocatoria este outono en Vilalba. (…)
A poeta Olalla Cociña (Viveiro, 1979) pertence a unha xeración que, malia a diferenza temporal, conectou de xeito inmediato coa proposta literaria de Agustín Fernández Paz. Cociña representa tamén a ese grupo de persoas que empezaron a ler a Fernández Paz para logo converterse en autores, un proceso ao que non foron alleas as súas lecturas do escritor. «Coñecino sendo adolescente porque tiven a sorte de formar parte do xurado do Premio Merlín», lembra a autora. Caímonos ben. «Eu era lectora devota, e comezamos a escribirnos. Abría as súas longas cartas coidadosamente mecanografadas sentíndome importante: el contábame os intríngulis da escrita, os libros nos que andaba, e tamén cousas da vida, sen escatimar tempo nin estilo nin espazo. Eu respondíalle coas miñas movidas, falabamos de igual a igual», rememora. O propio Fernández Paz era consciente desta influencia en lectores máis mozos e, malia ser alleo aos excesos do ego de tantos creadores, comentábao con orgullo contido. (…)”