Artigo de Eli Ríos desde A Sega:
“Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure, de María Reimóndez foi o texto gañador do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Na lapela deste volume ofrécese un pequeno percurso pola historia deste premio. É moi de agradecer esta recolla dos esforzos colectivos para recoller os traballos de quen contribuíu ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron, desde diversas disciplinas, na vida da nosa comunidade e na recuperación da historia social e política das mulleres. E nesa mesma liña de continuum é por onde transita este ensaio de M. Reimóndez.
Recoñezo que Corpos exorbitantes foi unha descuberta sorprendente. Para unha persoa, coma min, con coñecementos limitados da tradución, achegarse a un ensaio sobre esta temática resulta complexo, pero, a autora, consciente do aspecto divulgativo comeza cunha introdución e unha parte teórica nas que ofrece as ferramentas necesarias para comprender a parte central do estudo. Desta forma, coa análise das prácticas tradutoras de Rosalía de Castro e Erín Moure, resulta moi fácil chegar a “intentar entrever unha análise política e ideolóxica máis global e comprendelas como voces relevantes nos debates sobre tradución feminista actuais” (p. 15). (…)”