“Clausuras, enxurradas, fisuras”, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na Sega:
“Para as persoas ás que nos gusta ler filosofía e pensamento, en particular feminista, non deixa de ser unha boa nova que Axóuxere ofreza un ensaio escrito por unha autora e ademais centrado no tema do xénero como categoría [Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras]. Para quen coñeza de entrega previas a escrita de Rebeca Baceiredo saberá de antemán que en ningún caso imos atopar un enfoque lixeiro ou superficial.
O obxectivo deste volume, como o describe a autora, é “xustificar a relación entre a disposición de xénero e os réximes de propiedade” e para iso anuncia na introdución que utilizará tanto a revisión histórica, non só occidental, coma o enfoque metafísico. Resulta este, ao meu ver, un obxectivo ben ambicioso e que presenta para min como lectora e teórica certas dificultades que tentarei debullar a seguir.
Seguramente o atranco máis importante á hora de conseguir o obxectivo proposto, en particular para persoas que, coma min, partimos dunha visión feminista decolonial da teoría e a práctica, reside na dificultade que o libro de Baceiredo amosa á hora de superar unha visión eurocéntrica que vai máis alá de botar unha ollada de esguello cara a certos lugares. O eurocentrismo da escrita filosófica occidental, en absoluto exclusivo deste texto, ponse de manifesto primeiramente nunha cuestión básica de fondo: no suxeito que pretende narrar e historizar dando explicacións “totais”. O problema non reside tanto na complexidade de tentar coñecer a experiencia humana na súa totalidade, senón na clausura, para utilizar a terminoloxía da autora, que estes propios intentos marcan. Son as clausuras das que fala Gayatri C. Spivak en “Pode falar a subalterna?”, o disfraz invisible dun suxeito pensante que só dende o eurocentrismo pode nin sequera formular tal tarefa.
No texto de Baceiredo, este suxeito eurocéntrico de afán omnisciente materialízase no contraste constante que se dá entre a localización exacta das situacións das mulleres occidentais no tempo e no espazo e a abstracta e anecdótica das súas outras. Así, mentres que as mulleres occidentais están situadas dende a Grecia e Roma clásicas en diferentes períodos e se narran a si mesmas ata certo punto, as súas outras aparecen como inmutables e as referencias a tribos e pobos de diferentes continentes faise sen atender a ningún criterio temporal e moito menos de autorrepresentación. Elas son narradas como exemplos para os diferentes réximes económicos e de xénero que dende occidente interesa recapitular, como puntos de contraposición e vistos polos ollos de antropólogos (masculino non accidental) en calquera época histórica. (…)”