“Mondoñedo, Paraíso da Fantasía”, por Antonio Reigosa

Desde o Caderno de Antonio Reigosa, o pregón lido polo autor na inauguración da Feira do Libro de Mondoñedo:
“Todo o mundo sabe que Mondoñedo está nun val que se asemella a “unha man a medio abrir”, así llo pareceu a Manuel María, ou a unha “cunquiña deleitosa, onde todo frolece e todo medra”, segundo o venerable mestre e referente ético, Manuel Leiras Pulpeiro. Álvaro Cunqueiro confirmounos en letra impresa que, efectivamnente, Mondoñedo señorea unha valgada que “ten a medida xusta do ollo humano”.
Miss Honor Tracy, a escritora irlandesa que visitou Mondoñedo en agosto de 1955 deixou posto en papel que “Mondoñedo é un dos máis estraños lugares a visitar” e que a Alameda dos Remedios lle fai imaxinar a unha Madame Bovary paseándoa ou como o escenario ideal para un capítulo de Dickens.
Con quen máis se relacionou Miss Honor nos dous días que andou por aquí foi con Lence, entón xa home maior, fraco e barbado, ao que describiu como un tipo extravagante. Cando Cunqueiro lle traduciu a Lence o que dicía sobre el a irlandesa, sobre todo cando aseguraba que para cociñar tiña que atar as longas barbas polas costas (para non enzoufalas na pota ou na tixela), Lence, enfadado, comentou: “Esta escribidora é unha Eleuteria calquera…”
Viríanos ben unha antoloxía cos textos dos escritores e escritoras viaxeiros que nos visitaron en diferentes épocas. Urxe facela para descubrir, por voces alleas, o encanto do pequeno e recollido, o valor do pouso do pasado e do silencio, a melancolía do ambiente e tamén, claro, como viron eles a señora néboa emparellada con ese barruzo fino que nos visita cada poco e que tamén despediu a Honor Tracy en agosto do 55.
Velaí a nosa pequena patria, dimensionada arquitectónica e urbanisticamente, cativa industrialmente pero fecundísima culturalmente, coa medida exacta para percorrer a súa paisaxe nun só golpe de vista, para gozar das súas esencias en doses concentradas. (…)”