Xesús Couceiro: “O que se fixo coas axudas ao libro en galego foi pan para hoxe e fame para mañá”

Entrevista de Montse Dopico a Xesús Couceiro en Praza:
“A librería Couceiro de Santiago vén de cumprir 10 anos na súa actual ubicación, na praza de Cervantes. Mais a súa historia comezou moito antes, cando o seu fundador, Xesús Couceiro, buscaba, dentro do mundo do comercio, un sector do que puidese desfrutar. Pensou no libro e acertou. Falamos con el para repasar a traxectoria deste establecemento, parte imprescindible da paisaxe urbana e cultural de Compostela.
(…) – Praza: E así naceu…
– Xesús Couceiro: O día 10 de marzo de 1969. A librería foi unha auténtica revolución naqueles tempos. Os libreiros estaban anquilosados e eu, queiras que non, viña do mundo executivo. O primeiro que fixen foi poñer os libros ao alcance da xente. Empecei con libro escolar e papelería, na rúa de San Pedro. Despois abrín unha librería na República do Salvador, no ano 75, e seguín coa outra dous ou tres anos. Despois abrín outra en Rodrigo de Padrón, dedicada a libros de medicina, que me durou pouco por incompatibilidades miñas. Despois abrín outra no Franco, dedicada ao libro antigo, e despois a do Hórreo. Na do Franco, unha vez, veu a unha presentación dun libro Otelo Saraiva de Carvalho. A xente empezou a erguerse, a facer rebumbio, e el dixo: “non, non, por favor, que eu só veño ver ao meu amigo Couceiro!”.
– Praza: Xa daquela tiñan actividade cultural na libraría, entón?
– Xesús Couceiro: Polos anos 80 comezaron as actividades. Pero xa antes publicabamos un boletín, que se chamaba ‘Ben dado’, que facíamos chegar a todas as bibliotecas e centros de ensino e á xente que o pedía, que era entón o único censo de publicacións de Galicia. Polo ano 79 houbo que legalizalo no Ministerio de Interior, e era unha publicación en galego… Pero si, fixemos moitas actividades, coma exposicións do libro galego en Portugal, en Xenebra, en Lausana… (…)”