Artigo de Baldomero Iglesias, Mero sobre Darío Xohán Cabana en Sermos Galiza (o orixinal en papel é de 2015):
“Somos, desde hai xa moito tempo, amigos. Bos amigos, diría eu. Ademais, cómplices de historias que hoxe non veñen a conto. Desde cando viñemos estudar á capital ou desde cando el vendía libros de Castrelos. Ou despois, cando vendía a domicilio e viña á miña escola do Picato, falabamos, soñabamos tanto!
Temos e tivemos moitos amigos comúns. Aínda hoxe, cando nos atopamos, sempre se nos debuxa na cara un sorriso de contento e botámonos en temas agradecidos e sorrisos. Se boto atrás a cabeza, aínda o vexo naquel coche, un “Lada”, caldeirando as nosas rebeldías, ou lembro cando pousaba a cachimba entre os beizos para dar caladas de néboa polas rúas de Lugo adiante. Alumno espelido do “Manuel María e Ferrín: a grande xeración”. Fabulador de historias para nenos e grandes, cómplice tamén do Paco Martín –ascendido á categoría de chairego, por méritos no tempo contraídos- e outros, o Xabier P. DoCampo, o Agustín Fernández Paz, e toda unha memoria delas e deles. Garda municipal en Corcubión onde escribiu por exemplo Patria do Mar, gardián do Auditorio de Lugo, …moito lle queda por facer, non lle fai noxos a nada.
Pero sobre todo é un gran relator, un tradutor enorme e un poeta dos de auga limpa, que son os mellores. Por riba de todo iso, é un amigo, como dixen, deses imprescindibles na xeografía das nosas propias vidas, deses que serve para encontrarte a ti mesmo, cando te atopas perdido. Darío é home enteiro e cabal e eu sempre o vexo acompañado dos seus, da súa muller –aquela mociña de Bueu, a Amelia– e dos fillos, tan estimados. Para min –téñoos así nun lembro– sempre xuntos e aínda que non os vexa todo canto quero, aparecen os catro alá por terras de Romeán gozando da paz da terra e da amizade dos amigos da casa de Rego, onde eu xa ía, sendo pequeno, festexar. Pero Darío, volvendo ao conto, é capaz de arrecadar soños e debullar anceios. Capaz de roer o pó dos camiños e deixar que o seu corazón corra milleiros de soños que un día serán follas de luz, para todos; aclaratorias deste camiñar que, só semella, non chega a ningures. (…)”