Artigo de Miguel Pardo en Praza:
“Memorajoj de kampara knabo. Memorias dun neno labrego. A obra máis lida da literatura galega xa ten a súa versión en esperanto. O filólogo vigués Suso Moinhos vén de publicala no pasado mes de xullo da man da editorial Mondial, con sede en Nova York e a máis importante desta lingua universal e internacional.
O profesor, poeta e falante de esperanto desde os 16 anos cumpre así coa promesa que el mesmo lle fixera a Xosé Neira Vilas, falecido hai case dous anos. Agora, a obra dedicada “a todos os nenos que falan galego” e con máis de trinta edicións na nosa lingua contará cunha versión máis e neste idioma internacional para engadir á morea de falas nas que foi publicada, desde o español, portugués, alemán, catalán, éuscaro, asturiano ou inglés.
Desde hai anos, Moinhos é redactor da revista en esperanto Beletra Almanako, onde propuxoe publicar algo de literatura galega. Decidiu comezar co capítulo sobre Pachín, o can de Balbino. “Púxenme en contacto con Neira Vilas e accedeu encantado, tanto que me dixo se podería traducir o resto do libro. E así comezou a cousa”, conta o autor a Praza.gal. Estudou os mellores tradutores nesa lingua e comezou cun longo traballo durante o cal -case ao final- faleceu o autor de Memorias dun neno labrego. Antes, o profesor vigués prometéralle que acabaría a tradución. “Díxenlle que confiara en min, que así o faría e creo que creu nas miñas palabras”, insiste.
A de Neira Vilas é a segunda obra da literatura galega que é publicada en esperanto logo de que o fose Retrincos (Viveroj), de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nesta publicación, prologada pola profesora da Universidade de Vigo Iolanda Galanes, inclúense fotografías cedidas pola Fundación do autor de Vila de Cruces ou os debuxos orixinais de Isacc Díaz Pardo. (…)”