Entrevista de María Obelleiro a Ledicia Costas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Teu nome xa está á par de grandes da literatura galega como Agustín Fernández Paz, Xabier DoCampo, Fina Casalderrey e Paco Martín, tamén gañadores do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España. Que representou para ti este premio?
– Ledicia Costas (LC): Foi un antes e un despois. Aquí hai unha materia pendente: escribimos estupendamente, hai grandísimas e grandísimos creadores, temos moito potencial e talento, pero non exportamos. É moi difícil saír de aquí, é moi difícil que unha autora ou autor saia da Galiza e saiban quen é. O Premio Nacional deume a oportunidade de acceder a un mercado no que doutro xeito probabelmente non estaría, coñecín outras autoras e autores, outros sistemas literarios… permitiume abrir camiños aos que, doutra maneira, tería tardado, no caso de chegar, moitos anos. Tiven esa sorte, que te posiciona, ademais desde o galego. Estiven o outro día en Avilés, no Festival Celsius, e a persoa que me presentou dixo “ademais es unha autora galega que reivindica, por encima de todo, o galego, e todo o mundo te coñece por ser a autora que escribe en galego, e podemos lerte”. E lenme en castelán, porque len as obras traducidas, pero saben perfectamente que está esa militancia. É algo moi gratificante, valoran moito ese esforzo, e aí si que estou levando sorpresas moi agradábeis.
– SG: Valórase ese feito máis fóra de Galiza que na Galiza?
– LC: Por suposto. Ás veces, aquí, pregúntanme: “¿Y por qué escribes en gallego?” e eu dígolles, “se vivise en Rusia, escribiría en ruso, e se escribise en Catalunya, en catalán. Eu estou na Galiza, en que vou escribir?” e entón din, “Ah! Pois si!” e fóra dano por sentado, vés de Galiza, e escribirás en galego.
– SG: Dalgún xeito, o Premio Nacional [estatal] serve tamén para poñer a literatura galega alén das fronteiras do país?
– LC: Si, eu sempre o digo, temos un sistema literario de calidade, en que as autoras e autores estamos á altura de calquera. Falla a lingua, a perda de falantes nas xeracións que veñen detrás. Iso falla, pero estrepitosamente. Falla o autoodio, eu creo que hai un rexeitamento moi potente cara ao noso, e non se entende que a lingua é o principal trazo de identidade dun pobo. Non hai conciencia de país. Estamos militando na resistencia e oxalá algún día non esteamos na resistencia. Sempre se refiren aos vascos e os cataláns, e a nós, ás veces, nin sequera nos mencionan como país, e iso é doloroso.”