A Distancia por Lorena Conde

Artigo de Lorena Conde desde A Sega:
“Hai entre a teoría e a praxe, entre os principios e os actos, entre os ideais e a vida diaria unha distancia que é ás veces dunha profundidade insalvable.
E delas fala Patricia A. Janeiro no seu recente Manual básico de hostalería. Un libro breve, lixeiro e armado cunha intelixencia retranqueira que fai imposible a súa lectura discreta no autobús ou na consulta do médico. Proben e verán.
A historia, como a propia autora di, non é complicada: tres camareiras en situación precaria vense envoltas, sen saber moi ben como sucedeu, nun crime. Dende aí, Janeiro lanza cordas a outras tramas paralelas que se enredan na principal e miden esas distancias das que falabamos: a distancia entre o que se agarda dos xestores da cousa pública e o seus cuestionables intereses persoais; a distancia entre o ideario dos empresarios da esquerda e as súas prácticas, a distancia entre a honestidade esixible aos medios e as súas servidumes e, finalmente a distancia entre o que di a letra de calquera convenio e as condicións reais de traballo; asunto este que, hai que recordar, non é só unha cuestión de mala praxe puntual, senón unha práctica constante e mesmo desculpada como algo menor no caso de determinadas profesións (…)”