Xavier Queipo: “Galiza xa vive unha distopía”

Entrevista a Xavier Queipo en Ideas.gal (fotografía de Cé Tomé):
“(…) – Ideas.gal (I): Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?
– Xavier Queipo (XQ): A nós, os que nos identificamos con ideas nacionalistas e de autogoberno, gustaríanos que Galiza existise no mundo como entidade diferenciada e recoñecíbel. Para que? Pois en primeiro lugar para non sentir en permanencia esa lousa da exclusión, esa identificación coa famosa “marca España” de barbarie (touros), folclore trasnoitado (flamencadas, que non flamenco), xamón das serras que bordean a meseta (hipervalorado, só de acceso regular para as clases dominantes), e sesta demorada despois de comer (en xeral coma se non houbese un mañá). Ao que agora vense a sumar a corrupción rampante como paradigma necesario dos que acceden ao poder político. Tamén, por suposto, e de xeito menos visceral mais non menos contundente, para achegármonos a unha situación que nos permita unha relación igualitaria con outros pobos e outras culturas (até onde isto sexa posíbel ou até onde soñemos nós –e eles, os outros pobos, as outras culturas– que isto poida ser posíbel).
Referente á súa segunda cuestión, coido en pensar que hai varias frontes ou se se prefire varias liñas de traballo. Pódese comezar por todas elas a un tempo, mais non sei se teremos forzas e afouteza para tan grande empeño. A primeira é a necesaria (e urxente) relación entre as comunidades que morando no mesmo país viven en permanencia de costas unhas a outras. Falo dos castelán falantes que teñen os seus circuítos culturais e dos galego falantes que teñen os seus. Vivimos nun país con dúas comunidades confrontadas e case inmiscíbeis (como auga e óleo). Se non poñemos en comunicación permanente esas comunidades non somos, e se non somos non temos que entrar en contacto con ninguén máis pois non existimos e ninguén nos recoñece como entidade diferenciada.
Complexo. Non. Os nenos téñeno claro: xogan cos outros nenos aínda que eses outros nenos falen alemán, ruso ou chinés. Daquela, para o xogo, para a interacción cultural, a lingua é só unha barreira cando existe un prexuízo. Nós temos que telo claro tamén, unha cousa é a defensa da lingua oficial e propia (a que nos define como entidade diferenciada e sen a cal non seriamos) e outra ben distinta é o odio ou a negación doutras realidades e doutros modos de entender o mundo. Sectarismos os menos. Integración a maior sen importar idades ou razas, credos ou ausencia deles, orientacións sexuais ou procedencia de clase. O país está sen construír ou sofre un proceso de desestruturación progresiva) e cun país sen debuxar non se pode pensar nin no autogoberno nin na construción dunha entidade soberana. (…)
– I: Cal é a túa valoración da cultura galega, e por onde debería encamiñar o seu futuro?
– XQ: Se por cultura galega entendemos o conxunto de manifestacións artísticas e antropolóxico culturais levadas adiante por cidadáns galegos dentro e fóra do país e independentemente do rexistro lingüístico utilizado, vivimos unha situación de normalidade.
Se por cultura galega entendemos, pola contra, o conxunto de manifestacións artísticas e antropolóxico culturais levadas adiante por cidadáns galegos dentro e fóra do país utilizando exclusiva ou maioritariamente o rexistro lingüístico galego, vivimos unha situación de anormalidade, de resistencia e de precariedade extrema.
Volvo a dicir que non teño armas de predición, nin tan sequera a intuición (a menos racional, a menos científica). Ao meu parecer a situación actual é subóptima e a persistencia ou deterioro da mesma levará a diagnósticos máis graves. Iso sábeo calquera que lle teña dedicado un par de minutos a reflexionar sobre este tema. Sen un pulo importante e masivo en termos de identificación cultural e cohesión social arredor do galego como lingua vehicular da cultura autóctona, o futuro é incerto (a desaparición semella estar no horizonte, mais a distancia ao horizonte e as miraxes que se producen no horizonte poden modificar a realidade).
A persistencia no erro dos sucesivos gobernos (e das súas alternativas), a ausencia dunha conciencia social que poida modificar a curto prazo a situación de precariedade, a dispersión das institucións culturais galegas, o incremento da presión exterior a prol das linguas maioritarias e outras variábeis que inflúen sobre os procesos de identificación e cohesión social non permiten ser optimistas nin ver cal é o camiño certo na encrucillada (e, enténdase, tampouco cal é o camiño ou camiños errados). Algúns procesos naturais, entre eles a evolución, permítennos pensar que nin sempre o mellor camiño é o camiño recto ou progresivo (esa idea absurda de que unha escaleira só se pode subir chanzo a chanzo) e que, ás veces, son necesarios cambios cualitativos (mutacións) para acadar un desenvolvemento evolutivo ou saír dunha crise regresiva. Consellos non teño, xa imaxina, predicións tampouco. Só a procura estocástica e a revolución permanente poden axudar no empeño.”