Pilar García Negro: “A soberanía é antídoto contra a globalización”

Entrevista a Pilar García Negro en Ideas.gal:
“(…) – Ideas.gal (I): Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?
– Pilar García Negro (PGN): Continúa dándose un fenómeno curioso e ben sintomático da nosa historia de dependencia e, mesmo, da nosa psicoloxía colectiva: para que algo se valore na Galiza ha de pasar a “reválida” española ou occidental. Inclusive, chega a glorificarse o bons que somos cando emigramos e as grandes obras que facemos polo mundo adiante cando nos deixan… Este pensamento aniquila calquer análise que parta de nós mesmos, dos porqués deste “progreso” exterior, da noción terríbel de que viñemos a este mundo para facer medrar a economía e/ou a cultura doutras sociedades. Bloquea o mínimo realismo en virtude do cal deberíamos esmerarnos en que as nosas enerxías, coñecementos, preparación técnico-intelectual… onde primeiro deberían reverter é en nós mesmos, na idea e na práctica de que merecemos viver e traballar na nosa terra. A posibilidade de que a Galiza “pinte” algo no mundo contémploa desde a propria Galiza, a súa especificidade, a súa lingua, para alén da consabida gastronomía ou de éxitos deportivos. Continúa sendo vital unha bilateralidade económica e cultural con Portugal e con outros países de lingua portuguesa, mais isto, claro é, depende por igual da Galiza e deles… O aprendizado doutros idiomas -nomeadamente, do inglés, macrometonimia do aprendizado de “linguas”- nunca debera servir para aumentar aínda máis a exclusión-desuso do galego. (…)
– I: Cal é a túa visión sobre a lingua e a cultura galegas? Para onde consideras que deberíamos camiñar colectivamente?
– PGN: Tamén está respondida en parte. Admírame que, a pesar da posición oficial española e autonómica, como xa dixen, ao servizo do desaparecemento da lingua galega e da disolución-españolización da nosa cultura, hai moitas iniciativas de base, con escaso ou nulo financiamento público ou privado, que non só subsisten senón que teñen ansia por medraren e familiarizaren o público galego coa cultura histórica e coa cultura actual. Coido que sería bon máis coordenación e máis espírito colectivo; igualmente, un sentido de ir consolidando, sedimentando, obras, creadores, participantes e espectadores. A radio e a televisións públicas galegas, pagas por todos nós -e con obrigas estatutarias, fundacionais, ben claras a respeito do cultivo e divulgación da “identidade” galega- precisan a esta altura unha reviravolta total: deixar de seren servas dunha castelanización ignominiosa, ao servizo non da disolución da diglosia senón do seu incremento e naturalización, servas tamén dunha constante “diglosia” cultural onde a duras penas se exhibe algo que teña a ver co retrato digno, libre e plural de nós. E, por certo, convido a quen isto ler a que perda uns minutos do seu tempo a pensar no que sería de nós, colectivamente, se non existiren organizacións cívicas e culturais como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, meios de comunicación xeral en galego, o sindicalismo nacionalista ou o nacionalismo politicamente organizado como tal, sen dependencias nen intrusións estatais. Dígoo con coñecemento de causa (persoal, biográfico), lembrando tempos vividos en que utilizar o galego nun acto público (sindical, asemblea universitaria, acto público en xeral…) era recebido, por parte da esquerda españolista con berros de “¡Unidad, unidad!” [sic], por se non abondase co ferreño labor destrutor da dereita idem e de todos os aparatos represivos do Estado. Saber, por tanto, de onde vimos, non é exercicio de estéril nostalxia ou recordación da dureza das circunstancias: é simplesmente ponderar debidamente o valor do construído en termos nacionais, dalo a coñecer como principio irrenunciábel da maioría de idade política, social e cultural. Todo o expresado para a lingua debera valer asemade para autonomizar ao máximo a cultura de noso: canto e valioso teatro de autores-as galegos está aínda por coñecer e representar?; cantos compositores e intérpretes da música galega en todos os seus ramos?; o mesmo pode predicarse-perguntarse das artes plásticas, do audiovisual e de tanta creación cultural que ha de levar unha vida de formiga pendente da bota esmagante dunhas institucións e duns meios de comunicación españolizados e soberbos na súa autocracia e programación. A lingua galega e a cultura galega, en fin, son afortunadamente moito máis do que ese residuo marxinal, costumista, pseudofolklórico (neopintoresquista) e limitante que dela se propaga. Ora ben, os primeiros en sabérmolo deberemos ser os que tal pensamos e aspiramos a unha mudanza enteira neste terreo… (…)”