Manuel Gago: “Galicia debe ser un referente ético con valores que a xente queira defender”

Entrevista a Manuel Gago en Ideas.gal:
“(…) – Ideas.gal (I): Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?
– Manuel Gago (MG): (…) Non digo que haxa un ‘botón máxico’ que esperte o país, pero si creo que o que falta é unha nova cultura política que reinterprete Galicia alén dos tópicos que nos fixeron crer a nós mesmos e cree un novo modelo de xestión, de autonomía e de progresión na soberanía.
E hai outra cousa máis. Díxomo Uxío Novoneyra hai moitos anos. A bandeira galega non derramou sangue. Eu interpreto esa frase dese xeito: creo que Galicia non só debe ser unha identidade, senón un referente ético cargado de valores positivos -dentro da pluralidade dunha sociedade aberta- que a xente queira enarborar e defender. (…)
– I: Que modelo de coñecemento e implicación da sociedade galega en relación ao seu patrimonio cultural estimas máis interesante? Como podería ser implementado, desde o teu punto de vista?
– Manuel Gago (MG): O modelo que eu defendo pasa por unha administración pública aberta e dialogante en temas de patrimonio, non opaca nin altiva; todo o mundo sabe perfectamente que a Xunta non pode facerse cargo de todo, e nin sequera é bo. Sabendo iso, que creo que é algo que é compartido pola propia Xunta, deberamos dar grandes pasos adiante en desenvolver novos modelos, por moitas trabas e intereses ocultos, empresariais e corporativos, que presionen na contra. Aí, por exemplo, precisamos unha posición forte da Administración, que non ceda a esas presións.
Creo no traballo de base da sociedade civil, comunidade a comunidade, creando modelos exitosos a nivel comarcal nos que o emporedamento das xentes é básico e fundamental. Son do Barbanza e aí temos unha experiencia moi interesante que, moitas veces, como estamos cheos de tópicos, non vemos. No Barbanza, ou en determinadas zonas da Costa da Morte, detívose a destrución de casas tradicionais de pedra a partir de que houbo xente que apostou con éxito pola restauración a principios dos 90. Os galegos precisan ver para crer, como Santo Tomás. Por iso eu son moito de xerar espazos que se poidan ver, que amosen que algo é posible, por moito traballo que nos dea conseguilo. Debemos avanzar cara un patrimonio no que os cidadáns teñan un papel activo na súa xestión. (…)”