“Olga Novo, a guímara do Amor”, por Carlos Negro

Artigo de Carlos Negro en Sermos Galiza:
“Trataremos de non estorbar as palabras da poeta. Deixaremos que o discurso vital de Olga Novo (Vilarmao, A Pobra de Brollón, 1975) flúa como un regato de aldea, nítido e cantareiro. Non diremos, pois, todo o que a poeta lucense leva escrito, traducido ou pensado. Non diremos que obras súas merecen ser máis ou menos lidas, cando todas elas constitúen retallos incandescentes, impactos que apelan á reivindicación dunha beleza radical, ceiba de restroballo retórico e peaxes académicas. Erótica e oracular, labrega e surrealista, libertaria a través do Amor. Guímara desde o xenoma da infancia.
Ler Olga Novo non permite a indiferenza. Os seus poemas abrasan, apelan á memoria colectiva, á linguaxe orixinaria do paraíso, reclaman a intensidade dos afectos como unha revolución política; e cada verso que emite resoa no noso interior como o eco dun tambor de madeira delicada, como o ruído cóncavo que fan as vogais cando entran en contacto co sangue. E a verdade dos seus versos crávase nas entrañas como unha agulla, doendo para que sintamos.
Olga Novo: a deusa campesiña que hoxe comparte con nós retallos dun diario de lava. Ese que nos vai levando desde A teta sobre o sol (Edicións do Dragón, 1996) ata Cráter (Toxosoutos, 2011), con Nós nús (Xerais, 1997) e A cousa vermella (Espiral Maior, 2004) como chanzos esenciais no camiño. E sen renunciar nunca á unión libre con outras artes e pescudas filolóxicas. (…)”