O cuarto de Arantza Portabales

Artigo de Arantza Portabales na Sega:
” Benvidos ao meu cuarto propio. Si. É este. O único onde sempre estou soa. Sen ninguén a petar á porta. Sen teléfonos. Sen fillos. Sen amigas. Sen pais. Sen xefa. Sen recados pendentes, sen listas de tarefas por facer, sen expedientes administrativos agardando por min.
Soa.
Escribir é un acto fundamentalmente solitario. E non necesariamente físico. O de darlle a tecla, vén despois. É lóxico. O primeiro é saber que contar. E como contalo.
Non vos estrañedes se me atopades a falar soa nun semáforo. Estou escribindo.
Si. Mentres conduzo, a miña mente vai de cero a cen en dous segundos. Aínda non inventaron algo así os da Fórmula Un. E teño que confesar que con frecuencia supero as cento vinte ideas por hora.
Tampouco inventaron na DXT un radar para atrapar as ideas. Nin falla que fai.
Ás veces río coas ideas que se lle ocorren aos meus personaxes.
Ás veces choro, e abro a ventá para comprarlle os panos ao rapaz que está no semáforo.
Ás veces teño medo de que os pensamentos se esvaezan coma as pingas de choiva sobre o asfalto nunha tarde de verán. Entón paro, activo a gravadora do móbil, e aprisiono os meus pensamentos.
E despois está o outro cuarto. O cuarto onde me sento diante do portátil e realizo o acto físico de teclear, de ordenar e de dar forma as ideas. Iso que algúns chaman escribir.
Non serei eu a que diga que non.
Pero que queredes que vos diga. Para min, escribir, é outra cousa.”