Desde Xerais:
“O escritor Antonio García Teijeiro foi galardoado onte co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 polo seu libro Poemar o mar, publicado por Xerais. O xurado resaltou que o libro está «cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o grande protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxestivas composicións poéticas»
Poemar o mar é un libro de poemas que forma parte da triloxía que se completa con En la cuna del mar e Palabras do mar. Nestas tres obras o mar é o gran protagonista, un mar que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra. Mares con ondas amarelas, con illas coma estrelas, mares de plumas que son de auga e mel, mares de tinta verde con barquiños de papel. En palabras de Rocío García Pedreira, «toda a obra poética de Teijeiro busca iniciar ao lectorado máis novo nos recursos formais básicos a través de temas que fomentan a reflexión crítica. Entre os seus versos recóllense homenaxes a outros poetas das tradicións literarias española e galega». (…)”