Artigo de Ana Ramil en La Opinión:
“Unha pampoia é como lle chaman a un tipo de bolboreta en Cee, os de Bergantiños usaban o termo zoino para referirse o crego, en Cerceda un andrés é unha persoa desaliñada e santiaguesas son un tipo de peras que se dan na zona de Miño. Estos son so algúns exemplos das dúcias de termos que forman parte de Palabras con Memoria, unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que busca recoller palabras en desuso ou que non aparecen nos dicionarios para evitar que acaben por desaparecer e para recoñecer a riqueza léxica que ten Galicia con amplias diferencias de termos en función das localidades. Todo o mundo pode participar neste vocabulario ‘online’. O único requisito é que a palabra ou expresión non estea no dicionario.
Non aparecen nos dicionarios pero son ou foron de uso común en moitas localidades galegas. Palabras que utilizaban os avós, pero que agora corren o risco de quedar no olvido ou expresións típicas dunha zona aínda utilizadas, pero que non son moi coñecidas máis aló de esas terras. Elas son as protagonistas da iniciativa Palabras con Memoria que a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Deputación de Lugo, botou a andar no 2008 co obxetivo de “recuperar palabras en deuso ou perigo de extinción” e deixar constancia doutras verbas usadas polos falantes do galego que non recollen os diccionarios ou que ben teñen un significado totalmente alleo o que se lle da normalmente.
Trátase dunha iniciativa aberta a toda a poboación. Calquer persoa pode enviar as palabras que recolleu á páxina web e os coordinadores, unha vez comprobado que non existe nos dicionarios, a colgarán no portal para englosar o vocabulario que xa conta con centos de termos. Pero como non se trata so de coñecer unha palabra senón de saber o seu significado e algo máis da historia que leva detrás, cada termo conta cunha pequena ficha na web. “Recóllese a palabra, o seu significado e un exemplo para entender ben cómo utilizala, o lugar onde se escoitou e a persoa que fixo a recollida. No caso de ser necesario aportar máis información para comprender a historia da palabra tamén se pode facer”, sinala o coordinador de Palabras con Memoria, o escritor lucense Isidro Novo, quen lembra que aínda que se poden engadir todo tipo de vocablos, fíxose especial fincapé en recuperar palabras que teñen que ver co agro galego, especialmente coa maneira de chamar ós froitos, moitas veces olvidada pola chegada de especies foráneas que enchen as estanterías dos supermercados.
Para coñecer estas palabras que buscan non desaparecer basta con entrar en www.aelg.org e comezar a navegar polo léxico galego para ampliar o coñecemento sobre o idioma da terra. (…)”