Entrevista a María Canosa en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Cal é o xerme do que xorde Muriel? Hai detrás algunha influencia literaria ou cinematográfica?
– María Canosa (MC): É moi curiosa a forma que van tomando as historia. A primeira semente foi a actualidade galega. Os problemas das cotas do leite. E eu véndoo nos noticiarios non pensaba en facer unha historia para cativos que tivese que ver con isto, pero a idea de que se aprenda a valorar os potenciais cos que contamos no país, e a valoración das materias primas, dos oficios máis tradicionais.. comezou a moer na cabeza.
E aí comezou a medrar a semente e enfornarse Muriel, engorde. Con calma. Dando moitas voltas antes de decidir tomar un rumbo algo máis concreto. Navegar polo intramundo das historias é unha singradura longa e con moitas viraxes, sen dúbida. Quen diría que os gandeiros me ían traer ata aquí.
En canto á influencia literaria ou cinematográfica que preguntabas, non recoñezo unha en concreto. Houbo influencia visual, moita, para deseñar o personaxe de Fígaro. Pero si que é certo que, no fondo, Charlie e a fábrica de Chocolate estaba por aí. Moi no fondo, claro, porque as historias e personaxes son ben diferentes, pero a estética desa maxia, aínda que máis enxebre, foi inspiración. (…)
– PG: Penso que se pode dicir que Muriel fai unha viaxe tanto física como interiormente.
– MC: Sen dúbida ningunha. Muriel medra e sae da súa comodidade por fóra e por dentro. E diso trata esta historia, de saber medrar, de enfrontarse aos medos e adversidades (sexan do estilo que sexan) para superarnos a nós mesmos.
Muriel inicia a andaina asolagado pola tristura. Ten dúas opcións, quedar nela e buscar quen o arroupe, ou erguerse. Nin el mesmo sabe que está nesa tesitura, pero agarrarse ás pequenas oportunidades, aos detalles diminutos…. resulta a súa salvación. É unha das teimas que teño, valorar o pequeno, o case imperceptible… porque nestas cousas diminutas podemos atopar os grandes cambios, o sentido da nosa vida.
Con Muriel aprenderemos que a vida sen cor, sen soños, sen ilusión… vólvese gris. Un pode ir arrastrando os pés e deixando po ao seu redor, ou erguer os xeonllos e contaxiar vitalidade co seu andar lixeiro. Ser quen do segundo depende de cada un, pero afectará a un entorno considerable, non só ao propio embigo. (…)
– PG: En xeral, que é o máis importante para vostede á hora de confeccionar unha obra literaria?
– MC: Que se faga un novelo, que quede arredondada, como un universo propio no que non existan furados polo que se me caia a historia, ou os personaxes.
Que sexa crible, aínda chea de fantasía.
Pero… eu nunca estou totalmente convencida de que non se me escape nada, ou moito. Dubido constantemente. Preciso, logo, falar moito cos lectores. Pero claro… iso vén despois, cando xa un botou a historia a voar e pouco hai que facerlle…
Pero, como Muriel, intento avanzar e deixar atrás os medos. E moito aprendo de cada intento. (…)”