A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 2 de agosto

O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Arantza Portabales asina exemplares de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado por Galaxia.
18:00 h. Presentación de Nube Branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía. Por Baía Edicións.
18:00 h. Lucía Cobo asina Muriel, na caseta de AENEA.
19:00 h. Presentación de Gaiola aberta, de Xoán Neira López, publicado por Baía Edicións, en edición de Armando Requeixo. No acto participa, xunto a autor e editor, Belén López Vázquez.
19:00 h. Emma Pedreira asina Antídoto na caseta de Alvarellos Editora.
19:00 h. Antonio Tizón asina Un home estraño e A antesala luminosa, publicados por Xerais, na caseta de Lume.
19:00 h. Antía Otero e María Brenn asinan O branco non pinta!, publicado por Apiario. Ismael Ramos asina exemplares de Lumes, editado tamén por Apiario. Na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Enrique López asina Vida sa e outros libros na caseta de Hércules.
19:45 h. Presentación de Poesía erótica: Cantar de corpos, de Correa Corredoira, publicado por Baía Edicións. Coa participación de Yolanda Castaño.
19:45 h. Presentación de O Lobo con botas, de El Hematocrítico, con Alberto Vázquez e Cristina Ameijeiras, publicado por Xerais (na carpa infantil).
20:00 h. Antonio Manuel Fraga asina exemplares de Querido H. P. Lovecraft na caseta de Urco Editora.
20:30 h. Presentación de Baleas e baleas, de Luísa Castro, publicado por Galaxia. A autora conversará con Yolanda Castaño e Ismael Ramos.
21:15 h. Presentación de O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán Encarna Otero e Ismael Ramos.

María Canosa: “Con Muriel aprenderemos que a vida sen cor, sen soños, sen ilusión… vólvese gris”

Entrevista a María Canosa en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Cal é o xerme do que xorde Muriel? Hai detrás algunha influencia literaria ou cinematográfica?
– María Canosa (MC): É moi curiosa a forma que van tomando as historia. A primeira semente foi a actualidade galega. Os problemas das cotas do leite. E eu véndoo nos noticiarios non pensaba en facer unha historia para cativos que tivese que ver con isto, pero a idea de que se aprenda a valorar os potenciais cos que contamos no país, e a valoración das materias primas, dos oficios máis tradicionais.. comezou a moer na cabeza.
E aí comezou a medrar a semente e enfornarse Muriel, engorde. Con calma. Dando moitas voltas antes de decidir tomar un rumbo algo máis concreto. Navegar polo intramundo das historias é unha singradura longa e con moitas viraxes, sen dúbida. Quen diría que os gandeiros me ían traer ata aquí.
En canto á influencia literaria ou cinematográfica que preguntabas, non recoñezo unha en concreto. Houbo influencia visual, moita, para deseñar o personaxe de Fígaro. Pero si que é certo que, no fondo, Charlie e a fábrica de Chocolate estaba por aí. Moi no fondo, claro, porque as historias e personaxes son ben diferentes, pero a estética desa maxia, aínda que máis enxebre, foi inspiración. (…)
– PG: Penso que se pode dicir que Muriel fai unha viaxe tanto física como interiormente.
– MC: Sen dúbida ningunha. Muriel medra e sae da súa comodidade por fóra e por dentro. E diso trata esta historia, de saber medrar, de enfrontarse aos medos e adversidades (sexan do estilo que sexan) para superarnos a nós mesmos.
Muriel inicia a andaina asolagado pola tristura. Ten dúas opcións, quedar nela e buscar quen o arroupe, ou erguerse. Nin el mesmo sabe que está nesa tesitura, pero agarrarse ás pequenas oportunidades, aos detalles diminutos…. resulta a súa salvación. É unha das teimas que teño, valorar o pequeno, o case imperceptible… porque nestas cousas diminutas podemos atopar os grandes cambios, o sentido da nosa vida.
Con Muriel aprenderemos que a vida sen cor, sen soños, sen ilusión… vólvese gris. Un pode ir arrastrando os pés e deixando po ao seu redor, ou erguer os xeonllos e contaxiar vitalidade co seu andar lixeiro. Ser quen do segundo depende de cada un, pero afectará a un entorno considerable, non só ao propio embigo. (…)
– PG: En xeral, que é o máis importante para vostede á hora de confeccionar unha obra literaria?
– MC: Que se faga un novelo, que quede arredondada, como un universo propio no que non existan furados polo que se me caia a historia, ou os personaxes.
Que sexa crible, aínda chea de fantasía.
Pero… eu nunca estou totalmente convencida de que non se me escape nada, ou moito. Dubido constantemente. Preciso, logo, falar moito cos lectores. Pero claro… iso vén despois, cando xa un botou a historia a voar e pouco hai que facerlle…
Pero, como Muriel, intento avanzar e deixar atrás os medos. E moito aprendo de cada intento. (…)”

Muriel, o premio Merlín de María Canosa, xa na rúa

Desde La Voz de Galicia:
Muriel, con esas ilustracións tan especiais de Lucía Cobo, con esas páxinas dondas de pasar, é unha desas obras para ler mainiño de noite, antes de durmir, antes de soñar, sendo un neno ou non tan neno. Muriel é a obra coa que María Canosa (Cee, 1978) gañou este ano o Premio Merlín, convocado por Xerais, na categoría de literatura infantil. Xa está na rúa, xa se pode mercar a primeira edición, dende este mes de outubro. (…)
«A Muriel custáballe prender no sono, botaba de menos as conversas coa avoa e o tempo que pasaban xuntos. E os seus contos e os seus pasteis. E as súas limoadas. E os seus bicos máxicos que curaban calquera dor. E as súas bufandas. E a dose exacta de mel que había que botar na cunca (…)». Así se presenta unha para explorar, desas que teñen un arrecendo especial. O libro leva, ademais, unha dedicatoria especial: «Para Ana, bolboreta de luz». Algo máis de 180 páxinas, e catorce capítulos, para soñar.”

María Canosa: “Quero chegar ao corazón do lector”

Entrevista a María Canosa en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Vostede xa fora finalista do Merlín. ¿Que significa ganar este premio?
– María Canosa (MC): É o cuarto ano consecutivo que era finalista polo que, como podes imaxinar, era xa case unha afronta particular con el… Gañalo foi decatarme de que os concursos son concursos, que ás veces gañamos, e ás veces non, por múltiples circunstancias. Pero para min foi como quitar esa espiña de estar chamando á porta moito tempo a un lugar, e que sempre falta algo para que cha abran de todo. Por fin se abriu a porta. Claro, que isto fixo que me emocionara moito ao recibir a nova… Non puiden evitar que me desbordara o momento. Con todo, o mellor de todo foi recibir o cariño de moita xente, máis do que eu agardaba. Moito máis. Esa é a segunda parte do premio, impresionante. Eu tomeino, ademais, como unha recompensa ao camiño que fixen desde que comecei, hai moito tempo, ata hoxe. (…)
– LVG: De que trata Muriel?
– MC: Naceu da necesidade de dar voz á sinxeleza e complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a ledicia e a tristura. Con Muriel destaco tamén a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar e pintar un horizonte de cores. A amizade, e unha botella de leite une a todos os protagonistas, de diferentes xeracións e tamén entre humanos e animais.
– LVG: ¿Que xénero prefire?
– MC: Gústame probar, que é un xeito de probarme a min mesma. Cambiar é bo tamén porque me axuda a deixar unha obra e comezar outra nova, sen tantas interferencias. Pero si é certo que sempre volvo a escribir para a cativada. Por múltiples razóns. Primeiro, porque creo no importante que é a lectura nesa franxa da vida, porque son o futuro. Pero tamén porque me sinto cómoda non deixando de ser de todo unha nena eu tamén. Soñar é fermoso, e eu non sei deixar de facelo. (…)”

Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo González, Premios Xerais 2017

“Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 3 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIVª edición do Premio Xerais de Novela, a IXª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron trescentas persoas, entre as que se atopaban representantes das asociacións profesionais do sector do libro, escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que A banda dos cueiros se ocupou do apartado musical, lembrando con agarimo a figura do escritor Agustín Fernández Paz, a quen Xerais dedicou estes Premios Xerais 2017. Sinalou, despois, a importancia da continuidade dende hai tres décadas destes premios, nos que nesta edición de 2017 participaron 96 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A seguir, a tradutora Isabel Soto presentou Un mundo de palabras, onde se recollen os traballos de Agustín Fernández Paz sobre o libro e o fomento da lectura. Como editora literaria deste libro, Isabel Soto sinalou que «nesta obra de Agustín Fernández Paz cúmprese á perfección o principio de que a lectura e a escritura son as dúas caras dunha mesma moeda, e de que todo escritor, antes de selo, é un lector.» (…)
O profesor e divulgador científico, Xurxo Mariño, autor de Terra. Ciencia, aventura e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais, 2017), actuou como mantedor literario da velada. No seu discurso, titulado «A pedra negra», defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico para os como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas.
O xurado da XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 35 obras, formado por María C. Alonso Seisdedos (licenciada en Filoloxía Hispánica e tradutora), Ana Domínguez Santomé (directora do CEIP Carlos Casares de Nigrán e adestradora de ximnasia rítmica), Mª del Carmen Ferreira Boo (doutora en Filoloxía Galega e profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario), Carlos González Rodríguez (libreiro na libraría Wells de Cangas), Lucía Cobo (ilustradora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Fígaro», «Leriana», «Po estelar» e «Max».
Despois da súa última deliberación, acordou declarar por maioría como gañadora a obra presentada baixo o lema «Fígaro», que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Canosa corresponde ao título «Muriel».
María Canosa confesou que «Muriel naceu da necesidade de dar voz á sinxeleza e complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, expresado en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a ledicia e a tristura. Con Muriel quixera destacar tamén a combinación de fraxilidade e fortaleza dos que están tocados pola sensibilidade, os mesmos que se atreven a soñar e pintar un horizonte de cores. A amizade e unha sinxela botella de leite une a todos e cada un dos protagonistas, de diferentes xeracións e tamén entre humanos e animais. Non pretendo unha obra moralista, porque quero que os lectores gocen, como gozaba eu cando lía de pequena, converténdome en protagonista das historias. Mais quixera afondar na xustiza e a honestidade de maneira natural. A historia enfíase por medio da intriga, da curiosidade que esperta no protagonista, e envólvese de maxia e fantasía.»
O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, formado por Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura), Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Belinfante», «Ceiba de Luz» e «NS».
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Ceiba de Luz», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Lourenzo González e corresponde ao título «Ceiba de Luz».
Manuel Lourenzo González explicou que «a historia de Ceiba de Luz é a dunha expedición arqueolóxica formada por dezaoito persoas, estudantes e especialistas de distintos ámbitos, que emprende unha viaxe por unha rexión inexplorada da Amazonía peruana á procura dos restos dunha primitiva cultura. Mais algúns dos seus membros teñen obxectivos propios, que van da cobiza pirata duns ao delirio místico doutros, o que converterá a viaxe, nun medio descoñecido e moitas veces inhóspito, nunha mera loita pola supervivencia.»
«Ceiba de Luz é unha novela que encaixa no canon do relato de aventuras no eido da experiencia científica, polo que acae perfectamente ao universo de Verne que lle dá nome ao premio, cunha trama marcada pola intriga policial e cun achegamento ao fantástico lovecraftiano. Asemade, dexérgase un retrato da condición humana en situacións límite lonxe do paraugas protector da civilización.»
O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras, formado por Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias),Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Bennu», «Caridad Verdet» e «Os días felices de Benvido Seixas».
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Bennu», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Santiago Lopo e corresponde ao título «A arte de trobar».
Santiago Lopo declarou cando coñeceu que fora premiado que «A arte de trobar é unha novela que acontece no século XIII. Nela, unha troupe de artistas procedentes de Galicia percorre os camiños dunha Europa inmersa en duras loitas de poder. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galaico-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Realizada con sumo rigor histórico, a obra posúe unha trama con grandes doses de intriga e constitúe un vibrante fresco desta nosa historia, escrita en follas de pergamiño á beira do mar.»
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Consellaría de Cultura e Educación na celebración da cerimonia. Agradeceu o traballo das persoas do xurado e parabenizou á gañadora e gañadores que expresan o dinamismo e a vontade de renovación constante da literatura galega.”