Entrevista a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de gañar o I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, con Fóra do normal. Cóntanos como te sentes.
– María Reimóndez (MR): Todos os premios teñen o seu carácter, neste caso é moi emocionante para min polo nome de Agustín, loxicamente. Amais de ser un referente na literatura tiven a sorte de coñecelo en persoa e compartir algúns espazos vitais como Vilalba e Vigo, e tamén por unha cuestión máis complexa relacionada coa definición do propio premio, porque para as persoas que escribimos desde unha visión da literatura como intervención, cunha idea clara da literatura como ferramenta de transformación social, moitas veces a nosa escrita está penalizada, vista dunha maneira moi pexorativa e prexuizosa. Entón, o feito de que haxa un premio no que te poidas presentar e onde sabes que todas esas cuestións xa están aí de base e que se vai valorar o texto literario sen entrar en prexuízos deste tipo para min ten un valor engadido moi importante. Ademais, está moi en liña co traballo de Agustín, que foi unha persoa que nunca refugou facer unha literatura moi lexíbel e creativa, e ao mesmo tempo nunca perdeu o norte do que tamén para min a literatura debe ser, unha ferramenta de transformación social.
– SG: Estruturada en catro capítulos, cada un deles homenaxea un superheroe da banda deseñada (Superman, Batman, A muller marabilla e Patrulla X). Como xurdiu?
– MR: Para min é un pouco a subversión do discurso dos superheroes, que é un espazo da cultura pop que me interesa bastante e desde sempre. O que fixen foi utilizar esta cuestión como fío condutor da novela, do protagonista que vai intentando comprenderse a si mesmo a través dunha ferramenta como son os cómics. Iso é algo que todas as persoas facemos, pero sobre todo na adolescencia, un momento no que estamos intentando buscar os nosos referentes. Ás veces temos esas relacións conflitivas co que traemos da infancia e co que é a vida adulta, e nese sentido funcionaban ben estes superheroes, Superman, Batman, A muller marabilla e Patrulla X.
– SG: E ademais méteste no mundo trans.
– MR: Si, pero creo que a novela parte máis da visión da alteridade. O protagonista, digamos o narrador, si que é un rapaz trans, pero tal e como eu a entendo, sen negar para nada a importancia de que haxa personaxes e referentes para todo tipo de identidades, creo que esta novela explora máis a alteridade, non simplemente o feito da transexualidade –que obviamente é central porque o personaxe principal é o que narra–. Si exploro esa idea de que realmente quen está nas marxes que se constrúen por parte do discurso hexemónico, en realidade, é normalmente quen ten máis cousas que contar e tamén quen necesita máis ferramentas para poder entenderse e, sobre todo, para crear lazos con outras persoas tan raras coma nós [risos]. A novela trata sobre todo iso, non trata tanto da transexualidade como temática, senón que busca un panel de catro personaxes onde cada cal ten a súa alteridade por cuestión diferentes. É importante a diversidade de voces.
– SG: Proximamente teremos nos andeis das nosas librarías As cousas que non queremos oír, un novo exemplar da entrega do Ciclo dos elementos. Fálanos do ciclo, serán un total de sete novelas independentes mais interconectadas. Cal é a relación entre as obras?
– MR: A verdade é que o Ciclo é un espazo de moita complexidade. A idea básica é a interacción entre as obras, que as personaxes secundarias dunha novela sexan as principais noutras. A cuestión é que é un proxecto literario bastante complexo, longo e ambicioso en certo sentido. Cada novela pode lerse independentemente, pero para aquelas persoas que as vaian lendo todas en realidade estase contando outra historia paralela á que só accedes unha vez que leas todas as novelas. Entón, é a historia da relación de varios personaxes e dentro diso permite ese xogo coas persoas que deciden ler o Ciclo completo para ir descubrindo esas cousas que eu vou sementando ás veces moi lixeiramente nunha novela e noutra. (…)”