Lois Pérez: “É un libro que escribín para o meu fillo, movido polo amor e o medo a perder seres queridos”

Entrevista a Lois Pérez en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Que supón para vostede gañar este certame?
– Lois Pérez (LP): Faime moitísima ilusión levar un premio co nome de Agustín, non só pola súa obra, senón pola súa persoa, de paz e harmonía. Todo un referente para moitos. Tamén me fai moita ilusión que fose en Vilalba, polos compañeiros do Iescha e polo xurado, porque son persoas ás que lles teño unha altísima estima, e por todos os que forman parte do IES Basanta Silva, mestres e alumnos. Estou realmente emocionado.
– EP: Como recibiu a noticia?
– LP: Con estupefacción. O sábado tiña unha actuación na casa de Manuel María en Outeiro de Rei ás nove da noite e ás oito chamoume Manuel Bragado para darme a nova. Sentín unha tremenda felicidade. Tanto foi así que daquela estaba en pixama e non era quen de vestirme (ri). Despois fun actuar, visitamos a casa do Manuel, estiven acompañado pola miña muller, familiares e amigos. Sentinme unha persoa plena e feliz, foi un día espléndido.
– EP: Que pode contar de A gruta da torre?
– LP: É un libro que escribín para o meu fillo Lois entre abril e xuño do ano pasado, no confinamento, movido polo amor e polo medo a perder os seres queridos. Pero tamén para o neno que fun, porque o seu centro é a miña infancia, no campo aberto do verán de 1990 en Ribadeo. Que meu fillo, de nove anos, soubese da miña infancia, do mundo visto cos meus ollos de entón, que tiña once. De feito, non cambiei nin o meu nome nin o dos amigos da miña cuadrilla.
– EP: Que se pode atopar nel?
– LP: Fálase da amizade, do paso do tempo, da beleza do mundo ou da inocencia. Tamén ten que ver co descubrimento do pensamento abstracto nesa etapa na que os nenos abandonan o concreto e comezan a ver o abstracto do mundo. Tiña un grande interese en falarlle de certas cousas a meu fillo a través deste libro, así que tamén se recolle memoria histórica, ecoloxía, o valor da amizade, a discriminación e non discriminación das persoas. Incluso fago un traslado a un libro adulto, Viaxe a Samoa, de Marcel Schwob, que me encanta.
Tiña especial interese en falarlle de certas cousas a través del, como o valor da amizade, o paso do tempo ou a discriminación
– EP: Foi a primeira vez que escribiu unha novela infantil?
– LP: Si. Escribín outras cousas como mestre, máis curtas e para outros fins. Pero este foi un proxecto ambicioso, complexo na súa execución. Levoume moito tempo e traballo, pero o resultado penso que valeu a pena. Liamos o libro polas noites co meu fillo, e el ía opinando e dicindo o que non entendía e corrixía en base a iso coa axuda da miña compañeira Alba.
– EP: Creouna coa mente posta neste certame?
– LP: Inicialmente foi sen pensar neste premio. Escribina para vencer a frustración e a enorme preocupación que tiñamos entón todos, para darlle sentido á vida e eu ese sentido atópoo nas palabras, nunha situación como a que había, na que tamén sentía que tiña que protexer ao noso neno coa imaxinación, ante un tempo escuro que nos tocou vivir.”

Lois Pérez gaña o V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade

Lois Pérez Díaz é o flamante gañador do V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, polo seu libro A gruta da torre, presentado baixo o lema Un peso sempre se gastou, segundo o ditame do Xurado emitido o 23 de outubro de 2021, unha vez rematada a reunión levada a cabo no local do IESCHA, na Casa da Cultura de Vilalba, e que se deu a coñecer no acto de entrega do IV Premio Agustín Fernández Paz a Iria Misa.”

Vilalba: acto de entrega do IV Premio Agustín Fernández Paz a Iria Misa

Vídeo do acto de entrega do III Premio Agustín Fernández Paz a Antía Yáñez (febreiro de 2020)

Bases do IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade

Desde o Concello de Vilalba:
Primeira. Poderán participar todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten narracións inéditas en lingua galega, dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade…
Segunda. Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.000 euros.
Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables segundo a lexislación vixente.
Terceira. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, que se reserva os dereitos de edición da obra premiada nos 1.500 primeiros exemplares. Entregaránselle ao/á gañador/a 30 exemplares.
Cuarta. A obra terá unha extensión libre e presentarase encadernada, por cuadriplicado, en papel impreso polas dúas caras, tamaño DIN A4. Presentarase baixo o sistema de plica, polo que se enviará cun sobre á parte; no exterior do sobre figurará só o lema e no interior incluirase o título da obra, o lema, unha copia do NIF do/a autor/a, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico.
Quinta. O prazo de presentación de orixinais comezará o 23 de abril de 2020, Día Internacional do Libro e prolongarase até o día 12 de xullo de 2020 (cuarto cabodano de Agustín Fernández Paz).
Sexta. O xurado estará formado por tres persoas de recoñecido prestixio cultural. Emitirá o ditame, que será inapelable, na última semana do mes de outubro de 2020.
O xurado poderá declarar o premio deserto.
Sétima. A entrega do premio terá lugar nun acto do que se dará conta oportunamente.
Oitava. Os orixinais remitiranse a:
IV Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade
INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS
Praza de Suso Gayoso, 1 (Casa da Cultura)
Apartado de Correos, número 39
27800 Vilalba (Lugo)
Novena. Os orixinais non premiados poderán recollelos os/as respectivos/as autores/as no local do Instituto de Estudos Chairegos (Casa da Cultura de Vilalba) durante un período máximo dun mes despois do ditame do premio. Os que non se recollan nese prazo serán destruídos.
Décima. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.”

Vilalba: acto de entrega do III Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil a Antía Yáñez