Artigo de Xesús González Gómez en BiosBardia:
“Noutro lugar, facendo unha aproximación numérica aos premios de narrativa concedidos tanto en catalán como en galego durante unha ampla serie de anos, acho que quedou demostrado que canto máis premios menos gañadores. É dicir, había unha serie de autores que copaban a maioría dos premios. No entanto, tamén se demostra que é mediante os premios que se dan a coñecer, en literaturas minorizadas, e xa nas non tan minorizadas, novas voces, aínda que o substantivo “literatura” temos que pólo, en principio, entre aspas. Ora, non deixa de ser certo que os grandes premios literarios que se conceden en case todos os lugares do planeta son concedidos, nos últimos tempos, a voces xa consagradas. O que ten unha explicación.
Antes de continuar, digamos que de momento estamos a falar de premios concedidos por editoriais, premios que se poden denominar, sen caermos nin en erro nin en desprezo, como “premios comerciais”; pasaremos logo a falar de premios concedidos por institucións e a súa, digamos, “problemática”.
Unha editorial é unha empresa que publica libros para gañar cartos. Esta sería a definición sucinta, e atrévome a dicir que verdadeira e real, do que é unha editorial. Se non é así, non é unha editorial, é outra cousa. A editorial adoita ter uns responsábeis literarios e uns responsábeis económicos, sendo estes os que teñen o poder, a tixola nas mans. Os responsábeis literarios ás veces coan libros de gran calidade nos seus planos, algún descubrimento literario, mais estes libros, estes descubrimentos, son excepcións, porque a estes señores (ou señoras) –os responsábeis literarios– non lles pagan por descubriren boa literatura nin obteren a unanimidade da crítica, senón por venderen libros, e se non o fan… quedan sen emprego. Nos premios literarios acontece o mesmo: o premio trata de dar visibilidade, promoción, propaganda a un libro (e a un autor) para vender, porque os premios literarios son convocados polas editoriais para intentar vender máis libros, non para buscar a consagración literaria de tal ou cal autor, nin moito menos para acumular o denominado “capital cultural”: á editorial o que lle interesa é o de sempre: o capital económico. Resumindo, tanto unha editorial como un premio literario o que buscan é vender libros, non calidades literarias, e isto debemos todos (autores, lectores, críticos…) telo moi presente para non nos equivocar. (…)”