Montse Fajardo: “O culpábel só é o que mata, non a vítima nin a súa contorna”

Entrevista de María Obelleiro a Montse Fajardo en Sermos Galiza:
“Ao seu pesar, Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña son as protagonistas de Invisibles, un libro impulsado polo Concello de Pontevedra e escrito pola xornalista Montse Fajardo que recolle os relatos destas mulleres maltratadas a mans das súas parellas. Unha obra necesaria que pon o foco sobre os agresores. Entrevistamos a súa autora no Sermos275. Eis un avanzo da conversa.
– Sermos Galiza (SG): Faste eco do maltrato físico, mais tamén do psicolóxico. É moi revelador que unha das vítimas aluda ao “mexo baixando polas pernas”, cando sente pánico. Outra di, “que me mataba tíñao clarísimo, nin sequera sentía medo”. Estarrecedor.
– Montse Fajardo (MF): Isto non o reflicten as estatísticas nin os estudos. Téñenme dito, “Montse, non é nada a malleira comparándoa coa devastación do psicolóxico”. Tamén me chamou a atención o caso de Ana, que tiña claro que non ía sobrevivir, mais que quería esperar a que os nenos fosen maiores, e a súa dúbida era se o home metería os restos na fosa séptica da súa casa ou da casa dos pais del. O libro recolle dous casos de actuacións diferentes cando hai nenos polo medio, o de Ana –que permanece durante anos co seu maltratador para defender as súas criaturas– e o de Irene –que decide romper e sofre o calvario, un dos máis importantes do libro, de levar os nenos co home que te maltratou cando eles che están dicindo non nos leves con el que nos fai dano–.
– SG: A culpa tamén desenvolve un papel central no libro. De feito, unha das vítimas di “non foi a Miguel ao único que xulgaron”. Por que?
– MF: O tema da culpa é unha constante en todos os capítulos. Hai culpa na muller que non denunciou; hai culpa na muller que denuncia… e non só elas senten a culpabilidade, no caso das mulleres asasinadas tamén queda coa culpa a contorna que as rodea. Intentamos enfocar a culpa no maltratador, porque a culpa nunca a ten a vítima nin a súa contorna. O culpábel sempre é o que mata, non quen está a ser vítima nin quen a rodea. (…)”