Xabier P. DoCampo: “A proba de que a posguerra non está esquecida é que non somos capaces de enfrontarnos a ela”

Entrevista a Xabier P. DoCampo en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Quince anos de escritura para rematar esta novela [A nena do abrigo de astracán]. Vostede di que non se podía facer en menos.
– Xabier P. DoCampo (XPD): Eu concretamente non puiden! É certo que no medio escribín outras dúas, pero estiven durante todo ese tempo dándolle voltas a esta historia. A estrutura foi complicada, e necesitei unha documentación amplísima, que me levou moito tempo conseguir. Vin máis de setenta películas que puideran entrar na novela? Todo iso vai alongando.
– LO: Pensou en deixala?
– XPD: En abandonala non pensei nunca. Pregúntasmo agora e decátome. Nunca pensei en abandonar esta novela, o que si cheguei a pensar é que ao mellor non era quen de escribila [ri], que é totalmente distinto.
– LO: A obra sitúase nuns anos corenta que vostede tamén viviu, axudouse das súas vivencias para recrear o ambiente?
– XPD: Si. Eu nacín no 46, pero recordo todo canto poño alí. Ribadeínsua é unha especie de Macondo que eu creo a base das vilas da miña infancia, e de onde fun sacando as miñas vivencias daquel tempo. (…)
– LO: A súa obra é relacionada con outra que escribiu hai uns anos, Cando petan na porta pola noite, pola súa reflexión sobre a culpa. É un tema que lle interesa?
– XPD: Si. É unha cuestión que está moito no meu pensamento, a culpa e o remordemento. Con algún dos contos de Cando petan na porta pola noite ten esa relación de recoñecer o mal e de ver que existe. É un elemento que está en toda a vida que vivín. Sempre recoñecín o mal e o ben e, por tanto, tiven a oportunidade de optar por unha maneira ou outra de actuar. Supoño que todas esas persoas que eu retrato tamén a tiveron, e optaron pola maldade.
– LO: Tamén lle interesa a memoria. Temos esquecido o período da posguerra?
– XPD: A proba de que non está esquecido, por máis que de cando en vez se diga, é que non somos quen de enfrontarnos a el, e que tratamos de que permanezan nas cunetas aínda as vítimas do mal que houbo. Iso é un xeito de ter unha actuación absolutamente indigna, é negarlles o recordo e a memoria. Moitas veces se ten falado do esquecemento e o perdón. Ben, todos os perdóns que queiras, pero unha vez que puxeches as cousas na situación de seren esquecidas. Ninguén pode esquecer se toda a vida viviu escoitando aos seus pais ou veciños falar da desaparición de alguén do que nunca se soubo máis. A memoria actúa dentro da culpa, roe e corroe ata que alguén se enfronta ao recordo como o ten que facer, con humildade e recoñecemento da dignidade da vítima.”