“Entre distopías e ucronías”

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“A expectación xerada pola aparición de Blade Runner 2049, a secuela da mítica película de Ridley Scott protagonizada por Harrison Ford en 1982, confirma que as distopías e ucronías son fórmulas narrativas de todo tempo, tamén do noso, e que este modelo literario convive e se retroalimenta coa súa plasmación cinematográfica e, en non poucas ocasións, a súa adaptación ao mundo dos videoxogos e teleseries ou a súa lectura en clave de banda deseñada e outras vías creativas. (…)
Na literatura galega téñense publicado tamén ben interesantes distopías e ucronías. É o caso, por citar só algúns títulos, do futurismo telecontrolado de Suso de Toro na súa novela A sombra cazadora; o mundo domesticado e opiáceo da Bailarina de Manuel Seixas; as revisións histórico-temporais de Xoán Bernárdez Vilar en Big bang; a Europa homoxeneizada e unitarista de Agustín Fernández Paz en O centro do labirinto; o apartheid dun estado omnipresente e controlador do Valdamor de Beatriz García Turnes; as cargas distópicas que, con derivacións diversas, conteñen Costa Norte/ZFK de Xurxo Borrazas, Delimvois de Rubén Ruibal, Stratos de Miguelanxo Prado ou Obediencia de Antón Lopo e, xaora, os aires ucrónicos do Hipógrifo de Antón Risco ou a intriga sobre a non morte temperá de Manuel Antonio coa que fabulou Xesús González Gómez na súa narración xustamente titulada Ucronía.
A maior parte destas obras comparten co Blade Runner 2049 que chama ás portas unha denuncia do presente que se configura nun futuro alegórico; isto é: chámase a atención do camiño errado que estamos a andar para facernos ver a Galicia, a Europa, o mundo que será se, teimudamente, nos empeñamos en esfarelalo. Trátase, pois, de revisitar criticamente un sistema presente-futuro que nega a liberdade do individuo en aras dun mal interpretado ben social común, asentando nun dirixismo extremo e feroz onde non queda marxe ningunha para a decisión persoal, para o camiño propio, para o albedrío que nos humaniza. Unha sociedade onde os que dirixen os destinos fomentan a desaparición dos lazos afectivos, a robotización do carácter, illando as persoas e negando a complicidade das relacións interpersoais, principalmente as familiares, na procura devecida da instauración do Pensamento Único como o novo Moloch ao que adorar.”