Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Algúns dos poemas máis célebres da literatura galega atópanse nun libro humilde, cuxa primeira edición facturou un fabricante de cartóns para confitarías. Os soños na gaiola, de Manuel María, non só achegou a lingua a centos de cativas e cativos. Tamén inventou un xénero para o galego: a poesía infantil. A fundación que custodia o legado do poeta vén de editar a obra na versión máis achegada a como a concibira por primeira vez hai medio século.
“É un libro moi rompedor. Naquela altura, ninguén lle daba importancia á literatura infantil”, expón Montse Pena Presas, profesora da Universidade de Santiago e autora do amplo estudo que acompaña a reconstrución editorial da Casa Museo de Manuel María. “Só había algunhas traducións de Xohana Torres en Galaxia, e unha obriña da propia Xohana”. O único escritor galego preocupado por achegar as letras á infancia nin sequera residía en Galiza: Xosé Neira Vilas.
Nas cartas que cruzaron, Manuel María explicáballe ao creador de Balbino o seu obxectivo. “Quería lembrar no poemario a súa infancia labrega”, di Pena Presas, “pero foi moito máis alá. Se só se tratase desa cuestión, o libro non se titularía así”. O poeta fala dun mundo entre reixas en que non se pode soñar libremente. E que inclúe Galicia, unha das súas composicións máis emblemáticas, suxeita a usos múltiples e maiormente políticos: “Galicia somos nós: / a xente e mais a fala. / ¡Si buscas a Galicia / en ti tés que atopala!”.
Mais o éxito de audiencia de Os soños na gaiola non foi inmediato. Escrito no outono de 1967, a primeira edición correu a cargo de Cartonaxes ANMI, “unha empresa de cartóns para confitarías” propiedade de Ángel Gómez Camarón, natural de Medina del Campo e asentado en Galiza desde a República. A idea inicial do empresario, relata Montse Pena Presas, “era enviar o libro ás escolas polo Día das Letras [que se celebraba desde 1963], pero foise adiando e acabou como agasallo para os seus clientes”.
A relación de poeta e tan peculiar editor non acabou ben. Manuel María disgustárase pola escasa calidade da edición. A maiores, non incluíra as ilustracións que Reimundo Patiño imaxinara para os poemas, “seguramente por unha cuestión de orzamento”, e que agora recupera a Casa Museo. E, con todo, Gómez Camarón non desistiu do seu apoio á cultura galega naqueles tempos escuros e axudou a difundir Homenaxe a Otero Pedrayo e Retratos en tempos de pouca luz, ambos os dous de 1968, de Arcadio López Casanova, Dous contos, cinco cousas e mais un debuxo inédito (1970) de Castelao ou ¿E decímolo ou non o decimos? (1972), de Ánxel Fole.