Entrevista a Xurxo Esquío en Contos Estraños

Entrevista a Xurxo Esquío na revista Contos Estraños:
“(…) – Contos Estraños (CE): Cales son os teus gustos literarios/artísticos?
– Xurxo Estévez (XE): Pois son amplos, cinguíndome ao eido literario, podo ler e gozar con case que calquera cousa, non necesariamente fantástica. En todo caso, os meus preferidos son autores de finais do século XIX comezos do XX: Bram Stoker, H.G. Wells, Tolkien… e sobre todo o inmenso H. P. Lovecraft. Despois son un melómano empedernido, aínda que o rock (rock, punk, hc, stoner, metal….) é meu estilo preferido.
– CE: Cal é a túa opinión da situación actual da literatura/ilustración galega?
– XE: Do eido da ilustración non podo dicir nada, porque descoñezo. No tocante a literatura, aínda sendo un pouco autista co que pasa ao meu redor, teño a sensación que, ao igual que pasa coa música que si controlo máis o tema, aquí hai moito amiguismo, un eido moi endémico. Demasiado clasicismo tamén na maioría dos certames e premios, hai un mercado pequeno que se centra en manter aos que levan toda a vida nisto, e non en apoiar a novos valores, é a miña opinión.
– CE: Que pensas que se podería facer para mellorar dita situación?
– XE: Pois sinxelamente ser máis obxectivos e máis abertos. Abandonar o sectarismo e o amiguismo. Dar cabida ás novas xeracións en todos os ámbitos literarios e, por suposto, contar cun goberno que, xa que non apoia a cultura galega, polo menos non tente afundila. (…)”