Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“A cerimonia de entrega no Auditorio de Vilalba do Iº Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, outorgado á novela Fóra do normal de María Reimóndez, constituíu unha gran homenaxe ao autor d’ O rastro que deixamos. Durante máis de dúas horas catrocentas persoas participamos nun acto organizado con moito agarimo polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e polo concello de Vilalba, no que as intervencións musicais e lecturas de textos de Agustín se foron mesturando coas intervencions dos membros do xurado, dos organizadores e da gañadora, mentres no escenario a xove pintora vilalbesa Isabel Pardo creaba o que será a imaxe do cartel da convocatoria da segunda edición. No entanto, foi a proxección dun vídeo de máis de corenta minutos de duración, preparado polo IESCHA, no que se achegaba a palabra do mestre Agustín, a cerna deste serán inesquecible e emocionante no que se salientaron os valores literarios e humanos do agustinismo. Non hai dúbida que esta cerimonia de entrega do Premio Agustín será, a partir de agora, unha referencia na angueira de manter viva a memoria do mestre de Vilalba.
María Reimóndez no seu discurso de aceptación (aquí en pdf) rescatou os fíos de vida enlazados con Agustín, dende o de Vilalba, onde viviu tres anos da súa infancia, o que alimenta dúas das súas novelas, Dende o conflito e, a máis recente, As cousas que non queremos oír, que dedica a Agustín, até o de Vigo, onde gozou da xenerosidade e calidez humana de Agustín. Salientou Reimóndez que a obra de Fernández Paz “contén clave e mundo para facer deste un lugar mellor”. “Creou espazo para as rapazas, para a memoria, para o agromar do recordo; falounos en todas as emocións humanas; soubo escoitar como ninguén o corazón anoado que latexa naquelas as que ninguen escoita, e desenleou os fíos para que outras persoas puidesen entendelos”.
Reimóndez confesou que este premio tiña para ela “o vaor esencial de dar valor a unha literatura que non só debe ter todos os compoñentes que precisa para ser lida, senón que entende que a calidade literaria é tamén é un un servizo ao ser humano, á xustiza e á igualdade. Unha das leccións máis importantes que a min me deu Agustín como persoa e como escritora, é que toda literatura contribúe a conformar valores. A función da literatura de Agustín era non só amosar os fíos da súa propia vida, senón a través deses fíos poñer en evidencia os outros, os que disfrazan “estética” para falar en contra dunha ética”.
Rematou María Reimóndez expresando a súa convicción de que este premio de Agustín “permite por fin que as nosas obras se lean sen prexuízos. Iso é o que tentei con Fóra do normal, poñer no centro a quen de primeiras ficaría nas marxes, poñer en dúbida quen son os heroes e as heroínas, aquelas que loitan con puños e superpoderes para que o mundo volva estar como era, ou as que, como o meu amigo Eric Dopazo, teiman en ser quen son e conseguen, despois de humillacións e resistencias, un DNI co seu nome e a súa identidade”. “Nin esta historia, nin eu estariamos hoxe aquí sen Agustín. Este premio une o meu nome ao seu para sempre. Anóanos coma o nó intenso e emocionante que sinto neste momento, disposta a levar con orgullo e humildade o seu legado e desexando que moitos outros nomes veñan a unirse ao meu e que cos seus fíos todos construamos un mundo diferente, como o que Agustín nos suxeriu con cada obra e con cada acto na súa vida”.”