Entrevista a María Solar en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): En Os nenos da varíola aborda unha das proezas máis importantes da medicina moderna: a dos vinte e dous nenos que levaron a vacina da varíola ata América brazo a brazo. Como coñece vostede este suceso e que foi o que lle impactou tanto deste feito como para querer transformalo en novela?
– María Solar (MS): Eu cheguei a esta historia moito antes de ser consciente de que quería ser escritora. Aparte de ser xornalista de formación, tamén fixen a carreira de Bioloxía, e na facultade, nunha ocasión, contárannos algo, moi por riba, sobre a vacina de Jenner, un médico inglés que se decatou de que as mulleres que muxían as vacas contraían a varíola deste animal, e esa varíola inmunizábaas contra a varíola dos humanos. En base a esa observación, e tras algún experimento, xurdiu a vacina da varíola para os humanos. Foi a primeira vacina que se creou. Eu fiquei fascinada con esa historia. E logo contárannos que o médico alacantino Francisco Xavier Balmis levou esa vacina a América de brazo en brazo de persoas. Así, sen máis explicacións.
Pasados uns anos, exercendo xa como xornalista, dous investigadores da Coruña, aos que eu lles agradezo toda a axuda que me prestaron neste libro, que son Joaquín Pedrido e Toño López, indagaron sobre eses rapaces que levaron a vacina da varíola ata América: quen eran, de onde viñan, cantos anos tiñan… Iso foi no 2006, e na TVG fixéramos unha reportaxe diso, onde reproducimos a historia de Balmis cunha pequena dramatización da época con tres nenos, entre eles a miña filla. Acababa a reportaxe cun primeiro plano da nena levantando a vista e mirando ao espectador, aí conxelamos a imaxe e subíamos un rótulo co nome de todos os nenos. O resultado foi moi emocionante. Ese día decateime de que non valía dicir que vinte e dous nenos levaron a vacina da varíola ata América brazo a brazo, porque detrás de cada un deses nenos había un nome, unha cara, uns ollos, unha idade. Nese intre empecei seriamente a pensar nesta historia, a recoller información, etc. (…)
– FL: En Os nenos da varíola describe a dureza dunha época, especialmente a padecida polos nenos expósitos. Nun momento da novela sinala que “a metade dos nenos falecían nas casas de cría antes dos dous anos” ou “De cada cen expósitos, entre setenta e oitenta non chegaban a facer os dez anos de vida. Esa era a realidade, case todos morrían”. A esta novela acáelle moi ben o termo de dickensiano que lle outorgou nunha recensión o crítico Xosé Manuel Eyré.
– MS: Díxoo moita xente, pero ese é o punto da época. Era igual aquí que na Inglaterra de Dickens. Era un mundo que non ten nada que ver co de hoxe e que é moi difícil de comprender visto dende unha perspectiva actual.
Os nenos expósitos eran o lixo da sociedade. Nesa época non existían os métodos anticonceptivos, nacían nenos espurios e sobre todo había moita fame. O resultado eran moitos nenos sendo abandonados. Os hospitais tiñan unha inclusa dentro onde había un torno, ti deixabas aí o neno, xirábalo, tocabas a campaíña e ninguén preguntaba nada.
A xente non quería saber nada deles, pensaban que transmitían enfermidades, que eran fillos da prostitución… Pero en realidade podían ser fillos de calquera. Algúns nenos eran abandonados temporalmente con algunha marca para poder recollelos cando os pais puidesen. Por orde do Rei si que había leis para dar protección a eses rapaces e sacalos das rúas, dun xeito teórico polo menos, porque aos catorce anos volvían a esas rúas. (…)”