Fai 37 anos da morte de Álvaro Cunqueiro

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Se de min algun día despois de morto se quixera facer un eloxio e eu estivera dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: aquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.
Señor Cunqueiro, xa pasaron 37 primaveras desde que nos deixou e, mal que ben, aquí seguimos. Lembrámolo e loámolo como vostede loou a Deus por terlle dado o don da fala nosa. Ensinounos que ao dicir rula, bidueira, dorna, ponte e fonte convertiámonos en señores.
Sempre dixo que non cría na inspiracion, pero si na memoria, sempre deformante, e no poder da evocación co que se vai tecendo ese soño incerto que lle chaman vida, que sempre empeza unha vez, nunha ocasión, un día.
Dicían que xa de pequeno lle daba por lerlles o xornal en voz alta aos clientes da xastreria e da barbería que había pegadas á farmacia do seu pais ali en Mondoñedo, e contan que vostede amecíalles as historias e dun crime facía catro. Din tamén que alí descubriu que as palabras máis valiosas son as que enmudecen os que escoitan, e vostede aprendeu a escoitar os que tiñan o don da palabra, aínda que non soubesen escribila, porque o reino das palabras e o reino dos galegos.
“Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo”.”