Artigo de Manuel Bragado en Faro de Vigo:
“O nomeamento de Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro como Vigueses Distinguidos constitúe para eles como poetas e narradores vigueses unha merecida honra da corporación do seu concello, que moito orgulla a Vigo na celebración da Reconquista 2018. Galardoados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o maior recoñecemento que pode recibir unha obra publicada, Ledicia Costas en 2015 por Escarlatina, a cociñeira defunta” (Xerais 2014), e Antonio García Teijeiro en 2017 por Poemar o mar (Xerais 2016), este primeiro agarimo da cidade onde naceron e na que escriben e publican a súa obra literaria supón, probablemente, para eles un emocionante exercicio de xustiza poética. Xaora, esta distinción constitúe ademais a constatación do éxito colectivo de todas as participantes nos proxectos da literatura infantil e xuvenil e do fomento da lectura en lingua galega, tantas veces agochados ou inxustamente minusvalorados, a pesar de constituír un exemplo da achega formidable da diversidade acuñada polas minorías, en todo caso fantasías realizables das que Ledicia e Antonio son activistas e destacados promotores. (…)”