Desde Erregueté:
“O Día Mundial do Teatro foi a data escollida para presentar publicamente a Academia Galega de Teatro, nun acto que se celebrou no salón de actos do Consello da Cultura Galega. A Academia, constituída o pasado mes de outubro en Rianxo por un grupo de 17 persoas vinculadas ao mundo do teatro profesional, responde á necesidade –segundo explicou o seu vicepresidente, Eduardo Alonso– de crear un espazo de debate e reflexión sobre o teatro que supere o ámbito das asociacións de carácter profesional –máis centradas en superar os problemas e atrancos do día a día–, unha ferramenta que posibilite a creación dun corpus doutrinal e a comunicación pausada coa sociedade galega.
Na actualidade, a Academia conta con 28 membros pero o número incrementarase proximamente nas próximas semanas, xa que o obxectivo é incluír a persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados coas artes escénicas sen exclusións de ningún tipo.
A presidenta da nova Academia, Imma António, explicou que a súa fundación en Rianxo explícase polo profundo respecto pola tradición –“a carón de Dieste, de Castelao, de Manuel Antonio e da compañía máis veterana de Galicia: Teatro Airiños”–, pero coa mirada posta no futuro, co obxectivo de estimular na sociedade o amor polo teatro e de poñer en valor a súa relevancia social. Neste sentido, António salientou a validez do teatro como elemento identitario que contribúe a “facer país”. O teatro debe ser considerado como un sistema –dixo– no que podemos e debemos intervir.
Un programa de reestruturación do sector
A Academia preséntase cun programa de vinte e un puntos básicos que visan a que o teatro sexa considerado como un servizo público. Luma Gómez foi a encargada de debullar ese programa, dirixido na súa meirande parte ás institucións públicas e que inclúe propostas históricas do sector como a autonomía xurídica do Centro Dramático Galego, a adscrición da ESAD Galicia ao sistema universitario, a creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública, a creación dun Centro de Documentación Teatral, a posta en marcha dun Festival Internacional de Teatro nalgunha das cidades de Galicia ou a creación dun circuíto de exhibición que permita o intercambio continuado con Portugal.
A Academia Galega de Teatro propón, igualmente, a reestruturación –e mesmo a reconsideración– da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), por considerar que talvez non representa o modelo de xestión que precisa o teatro galego. En palabras de Eduardo Alonso, trátase de cambiar a perspectiva puramente mercantil dende a que se contempla agora a cultura. Dende a Academia cren que estas medidas deberían ir implementándose a partir do ano 2020.
Congreso do Teatro Galego
Como proposta máis inmediata, Antonio Simón presentou o proxecto de organizar un gran Congreso do Teatro Galego, que se celebrará no ano 2020. Unha comisión integrada polo propio Simón, xunto a Gustavo Pernas, Miguel Pernas e Manuel Guede está xa a traballar para artellar un evento que teña como fin “estruturar teatralmente Galicia”: elaborar un diagnóstico da situación e elaborar un plan estratéxico que permita intervir no sistema de xeito eficiente ao longo da década 2020-2030.
Simón destacou que moitas das reivindicacións históricas do sector das artes escénicas permanecen vixentes despois de moitos anos de reivindicación continuada e que, nalgúns aspectos, non se fixo nada para mellorar a situación de hai vinte ou trinta anos.
A Academia fixo unha invitación ao resto de institucións e organizacións relacionadas co teatro, e coa cultura en xeral, para que se impliquen na organización dun congreso que busca cambiar unha realidade claramente deficitaria en canto ao estado das artes escénicas, como demostra o informe presentado hai só uns días polo Consello da Cultura Galega no que se lle solicita á Xunta “unha revisión das políticas públicas que contemplen incrementos a fin de contribuír á recuperación do sector” cultural.”