Saturno tamén é deus, de Uxía Casal, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Sega:
“Hai case vinte anos que Xerais sacaba á luz unha antoloxía de narradoras galegas titulada así, NARRADORAS. Lembro tela nas miñas mans hai iso, case vinte anos, e outra vez hai só uns poucos días e sentir un feixe de emocións con ela. Por unha banda que cada días somos máis, como dicía o bicho que nos acompañou na infancia. Por outra, que aquelas autoras que alí figuraban sendo promesas, hoxe son autoras firmes nas nosas letras. Naquel índice había nomes como: María Reimóndez, Ánxela Gracián, Marica Campo, María Canosa, Ledicia Costas, Inma López Silva, todas indiscutibles. Mais esas páxinas agochaban un tesouro literario. Un pequeno relato inquedante, arrebatador de tan sinxelo, co simplísimo título de O pequeno Mario, asinábao Uxía Casal.
Póñome desta beira dos case 20 anos e redescubro Saturno tamén é deus. Galaxia xa se encargara de editalo en 1997 e Uxía Casal facíase un oco entre a nómina de narradoras para adultas despois dun par de obras para crianzas. Agora Saturno tamén é deus ten outro aspecto, como as cousas maduras. Moldes de letra máis acaídos, unha sobria elegancia, unha fantástica capa de Paula Gómez del Valle que fai unha xustiza infinita ao que agocha dentro o libro, unha disposición da grafía e do silencio que fan da lectura algo realmente pracenteiro. Unha aposta máis que arriscada da editorial URCO, esta de reeditar un libro que xa funcionou noutro momento.
Fagamos contexto: Aquel volume de narradoras viña a dicir algo así como si que as hai, si que existen, as mulleres son algo máis que poetisas e investigadoras e como narradoras tamén teño moito e moi bo que dicir. E esta recente aposta de URCO vén dicirnos algo como non só é valioso o que dixeron no seu día senón que o segue a ser e por iso refacemos un libro ao que, se cadra, non se lle prestou toda a atención que se debía e que agora volve funcionar perfectamente porque é atemporal.
O libro funciona incluso mellor agora que antes grazas á renovación estética da envoltura, da forma, moito máis vencelladada ao contido. E tamén porque está composto sobre unha receita de éxito: a autora engraxa a maquinaria de cada relato e afina tanto a meticulosidade da súa prosa característica, limpa, observadora, moi achegada ao cotiá, que cada un dos relatos latexa aínda con frescura. E, dentro deste libro, como un agasallo para o público lector xa que non estivo naquela primeira edición de Saturno tamén é deus, aquel relatiño, O pequeno Mario. (…)”