Ledicia Costas: “Teño a fortuna de vivir moitas vidas gracias aos libros que escribo e leo”

Entrevista a Ledicia Costas en La Región:
“(…) – La Región (LR): Que é para vostede escribir?
– Ledicia Costas (LC): Un xeito de vivir. A escrita ten para min unha importancia vital. Creo que lle busco sentido o mundo no que vivo a través dos libros que leo e escribo.
– LR: Onde xorden as historias?
– LC: No meu caso están nas cousas que me preocupan e me obsesionan. As mellores historias xorden dos conflitos do día a día que me afectan a min e a como está configurada a sociedade. Teño sempre os ollos moi abertos e todo o que vexo é o que logo traslado aos libros.
– LR: Que significan para vostede os premios colleitados ó longo da súa traxectoria?
– LC: A oportunidade de abrir unha porta e posicionarme no mercado nacional. Iso facilitou que os meus libros se empezasen a mover e que chegasen as distintas traducións. Ademais de en castelán, agora van saír libros tamén en coreano, italiano ou búlgaro. Eu sempre digo que os premios teñen unha compoñente de sorte. Dependen en boa medida da fortuna, da composición do xurado, dos seus gustos, das persoas contra as que compites. Sen embargo, cando consegues un premio ese libro conta cun aval.
– LR: Cre na sorte ou no traballo?
– LC: Na conxunción de ambas, un pouco de sorte e moitísimo traballo. Sen talento e traballo non sae unha boa obra e, a maiores, hai que ter a sorte de estar no lugar axeitado e no momento xusto.
– LR: Os libros que un le cando é neno marcan o seu futuro?
– LC: Marcánnos moi especialmente. Recoñezo que aquelas sensacións tan intensas que eu tiña de nena cando lía determinados libros cada vez me custa máis atopalas. Non desisto na procura pero cada vez me resulta máis complicado ter nas máns ese libro que non quixera que rematase. Por eso creo que as obras que me fixeron sentir moi viva cando era nena e adolescente marcaron o meu futuro como lectora e escritora. (…)”