Desde Erregueté:
“(…) – Erregueté (E): A Panadaría é unha compañía que nace na ESAD de Galicia e que desde o primeiro momento con Pan! Pan! acadou un éxito de público e un importante recoñecemento por parte da profesión. Cal é o segredo desa carreira que se consolida con Elisa e Marcela?
– AILÉN.- O segredo foi descubrir unha forma de facer en nós. Nos inicios na ESAD, despois de varios fracasos, Areta formulou unha estrutura de western para microteatro que foi o xermolo de Pan! Pan! O seguinte paso foi a convocatoria do Xuventude Crea dese ano, que pedía que as propostas debían durar 40 minutos. Desa necesidade de dobrar a estrutura naceu o espectáculo.
– NOELIA.- Igual foi aí onde naceu esa linguaxe nosa, ese tirar do fío xa que de 20 foi xurdindo a necesidade de probar a introducir unha canción, ou incluír un elemento máis xestual, ou unha cámara lenta ou xogar con mecanismos cinematográficos.
– ARETA.- En Pan! Pan! naceron as bases do que agora é o noso traballo que sempre consistiu en ir espindo. O certo é que non tiñamos vontade de montar unha compañía. Obrigounos o feito de que Pan! Pan! funcionou moi ben e, ao entrar no Galicia Escena Pro, todo se acelerou moitísimo. O certo é que nunca nos sentamos a pensar que queriamos montar unha compañía aínda que o obxectivo era facer teatro xuntas.
– E: Esa procura do esencial na escena ofrece unha forma de facer que é o selo singular da compañía. Nesa procura do mínimo, canto hai de opción e canto de imposición da realidade dunha realidade dominada pola precariedade?
– AILÉN.- Nós non nos pechamos a probar con cousas pero descubrimos que o noso mellor xeito de facer era co mínimo porque iso permitíanos estar a nós no centro, ás actrices. A creación de ambientes, a escenografía, a música, todo podía estar en nós.
– GENA.- Esa é a aposta da Panadaría: unha aposta polo traballo das intérpretes, de ir ao mínimo, á esencia. Con maior ou menor orzamento, a súa liña é clara e non creo que se fosen gastar cartos en algo que non fose o traballo, algo que permita acompañar esa linguaxe súa de quitar aderezos.
– NOELIA.- Por iso, despois de Pan! Pan! que contou con orzamento cero, no que máis investimos foi en equipo e en formación. En Panamericana tivemos cinco formacións que nos apetecía e da que se podía beneficiar outra xente e para Elisa e Marcela puidemos ampliar considerablemente o equipo. (…)”