Teatro, danza e a colaboración con MADferia centran o programa da penúltima xornada de Galicia Escena PRO

Desde Agadic:
“Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas organizado pola Agadic, alcanza mañá a súa terceira xornada de actividade, que inclúe cinco producións de teatro e danza, ademais da presentación da colaboración con MADferia para o intercambio de espectáculos galegos e madrileños entre ambos encontros.
No apartado de exhibición de espectáculos, pensado tanto para os profesionais acreditados como para o público xeral, esta penúltima xornada comezará ás 11,00 h. na Sala 2 da Fundación SGAE con Trompicallo e a súa montaxe de monicreques Planeta Ardora. O público infantil é o principal destinatario desta proposta, ao igual que de Patapatúm, o último traballo de Elefante Elegante, que poderá verse na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE ás 12,15 h.
Elisa e Marcela, de A Panadaría, será a terceira representación da xornada. Coproducido xunto ao Centro Dramático Galego e os concellos da Coruña, Vimianzo e Rianxo, este espectáculo arredor da historia de amor de dúas mulleres a principios do século pasado obtivo catro galardóns na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro. Poderá verse no Auditorio Abanca, ás 17,30 h. (…)” [Na imaxe, Método negro, de Javier Martín. Fotografía: Sara Roca].