Entrevista de Érik Dobaño a Luz Fandiño en Adiante.gal (fotografía: Nós Televisión, Youtube):
“(…) – Adiante.gal (A): Cando decide emigrar?
– Luz Fandiño (LF): A miña avoa tiña máis familia na Arxentina que aquí. Escribiron unha carta dúas curmás da miña nai. ‘Por qué no mandás a Lucita para acá?’ Dicían que con tres meses que traballara alá, aforraría para pasar ben o inverno e mandar cartos para que se curara. Bla, bla, bla… Isto foi no ano 50. Había a estreptomicina que estaba facendo milagres. Pero era o que dicía o médico: a nai faltáballe ao que outros lle sobraba. A nai e tamén a avoa choraran de rabia ao escoitar aquilo. E non eran de chorar… Eu fun moi chorona por conta propia… Velaí que fun falar por primeira vez co meu pai, a dicirlle que me reclamaban da Arxentina e que non tiñamos para os gastos. E dicíndolle que eu estaba pasando tamén fame. Foi un cabrón, un miserábel… porque a unha muller pódeselle perdelo amor, pero a unha filla non. Díxome que me daría mesmo un enxoval como se fora casar. ‘Non te preocupes’. Bla, bla, bla… Ao final fun cunha muda nunha maleta de cartón e cun plexiglás. (…)
– A: E como deu en empezar a escribir?
– LF: Estiven na Arxentina até 1963. E eses tres últimos anos tiven a sorte de descubrir a biblioteca do Centro Galego. Foi a primeira biblioteca na que entrei. Nunca entrara nunha. Foi en 1960. Nun dos corredores do edificio había un expositor cun libro aberto e un poema: O carro, de Cabanillas. Roda meu carriño roda/ pola meiga terra nosa/ que a miña ialma saudosa/ lonxe dela non se afai… Son fragmentos. Non me leves a Castela/ que non quero nada dela/ que arrenegou de nós… e remataba: E dille aos irmáns que atopes/ que nas mans dun home enteiro/ o estadullo carreteiro/ non lle ten medo ao fusil. Eu, coa sensibilidade que tiña naquela altura, dei en chorar. E convertinme naquel carro. (…)”