Entrevista a Iolanda Zúñiga en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Como xorde Noites de Safari (Xerais, 2018)?
– Iolanda Zúñiga (IZ): Xorde como vinganza e, por extensión, como terapia. Alá polo ano 2012 coñecín un tipo egocéntrico, irrespectuoso e desorientado en materia amatoria e decidín escribir un relato vomitando as dores psíquicas que me causara ter sucumbido a el. Pero quedárame un texto moi dramático e nada atraente, semellante a un folletín de autoaxuda, mediocre para ser obxecto de consumo de futur@s lector@s. Así que anos despois decidín darlle un xiro, brusco, e tinguín o relato de humor. Intuín entón que esa fórmula si podía funcionar e foi aí cando a historia de Marleen comezou a engordar: engadín outros personaxes masculinos -algúns roubados á realidade e a maioría tirados da ficción- ata completar un libro, que finalmente resultou traxicómico. (…)
– PG: Entre o humor, a sátira e a crítica social máis mordaz tamén atopamos unha reflexión sobre todos o daño que fan as mulleres todos eses comportamentos herdados da estrutura heteropatriarcal…
– IZ: Nós tamén somos portadoras desa construción cultural que é o machismo, por iso temos que comezar identificando esa pegada en nós para poder reaccionar contra el. A baixa autoestima que padecemos, como resultado do heteropatriarcado feroz ,está presente nestes textos, si. O estrañamento ao que nos somete a nosa sociedade, ou o autoflaxelo das propias mulleres ao sentir que non son quen de satisfacer o que esa mesma sociedade lles demanda, segue vixente. Sen ir máis lonxe, o meu entorno trazara para min un decorrer vital que non cumprín. Defraudei en moitos aspectos: laboral, sentimental…, e no relacionado coa procreación. Eu, como Marleen, non elixín os camiños que o capitalismo heteropatriarcal considera adecuados. É esa ollada de conmiseración dos demais a que nos fai sentir fracasadas; en lugar de sentirnos triunfadoras, por irreverentes, por libres. (…)
– PG: Para rematar. Saberemos máis de Marleen MaLone no futuro?
– IZ: Espero que non en plan literario, haha! Talvez debería de reencontrarme con ela, coa persoa que inspirou estes textos, e confesarlle que convertín a súa predación nocturna en materia literaria. Pero non creo que suceda. Ademais, seguro que lle incomoda saber que todo canto recordo dela, despois de tantos anos, sexa a súa arte para a caza; ao cabo, malia ser un asunto que envaidece aos homes, é algo ben irrelevante.”