Emma Pedreira: “Fiz Vergara debería ser tido en conta nas Letras Galegas”

Entrevista a Emma Pedreira en El Progreso:
“(…) – El Progreso (P): Como é repetir a experiencia de gañar o premio Fiz Vergara Vilariño 13 anos despois?
– Emma Pedreira (EP): De momento ben. Xa só o tema de telo gañado e volver pasar toda esa criba entre 70 obras é un orgullo. Despois, todo o cerimonial e volver a estar entre a xente da Agrupación Cultural Ergueitos vai ser unha cousa fantástica porque xa o coñezo e estou desexando volver a pasalo. (…)
– P: Con que xénero goza máis á hora de escribir?
– EP: Son escritora. Sempre se me relacionou máis ca poesía, pero eu empecei escribindo narrativa. Gústame experimentar coa hibridación entre poesía e narrativa. Se me teño que describir, digo escritora e punto porque tanto me da unha cousa ou a outra.
– P: Despois de tantos anos escribindo, como cre que evolucionou a súa literatura?
– EP: Non sabería dicir. Creo que levo 20 anos publicando, pero toda a vida escribindo. A miña literatura foi evolucionando conforme fun medrando, lendo, coñecendo a persoas, deixándome influenciar por esas persoas, coñecendo mestras e mestres… Penso que todo é un proceso vital, e aínda me queda moito por vivir e moito por evolucionar. A vida é constante aprendizaxe, e hai que mirar con humildade o que veña.
– P: No caso do Fiz Vergara, gaña coa obra Voces ágrafas. A que fai referencia ese título?
– EP: As voces ágrafas implican que non teñen unha escrita, que ninguén se ocupou de darlles un espazo literario. As miñas protagonistas pertencen a un ámbito moi próximo, non vou dicir cal é porque forma parte da sorpresa do libro, pero é moi próximo a todos nós. Podémonos ver dentro do libro e penso que esas persoas non teñen unha equivalencia literaria porque ao mellor son tan do día ao día que por iso seguen ágrafas. (…)”