Entrevista a Andrea Maceiras en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Como nace O que sei do silencio (Xerais, 2018)?
– Andrea Maceiras (AM): A novela está libremente inspirada nunha historia real que me contou unha amiga que era profesora, algún tempo antes de que eu comezara na docencia. O relato que me fixo emocionoume moito e fíxome reflexionar sobre a idea preconcibida e moitas veces errónea que temos (ou que eu tiña) do acoso. A vítima deste caso tiña un perfil moi diferente do que habitualmente imaxinamos e iso levoume a pensar en que todos somos susceptibles de sufrir acoso e que mesmo para unha persoa acosada pode chegar a ser moi difícil chegar a recoñecerse nese papel. A sociedade invítanos a parecer fortes, felices, populares. E fainos crer que pedir axuda nos volve débiles. Iso convirte o acoso nun monstro silencioso, difícil de explicar para quen o sofre e difícil de detectar para os demais. (…)
– PG: a nivel narrativo escolle voces distintas, o que permite visualizar a situación dende perspectivas e temporalidades diversas. Foi sinxelo codirixir todas estas voces distintas sobre a traxedia?
– AM: A novela foi difícil no sentido de que aborda un tema delicado que afecta a adolescentes que se achan nun momento sensible das súas vidas, construíndo a súa identidade persoal e a súa forma de mirar o mundo. O feito de que existan diferentes perspectivas responde á idea de que o acoso é un problema global que non afecta só a acosador e vítima, senón a toda unha comunidade. A narradora acaba por decatarse de que os responsables do acoso tamén son aqueles que, sabendo que existe, no fan nada por evitalo, á marxe da súa condición ou idade. O resto das voces que contribúen ao relato, completan a súa visión sobre o problema.
– PG: Delia, a voz máis principal, abre un blogue no que relata a súa visión de todos estes meses nos que acosou. Pensa que escribir é un acto terapeutico?
– AM: Escribir (igual que ler) ten algo de terapia, de catarse, de liberación. Delia é unha adolescente que busca redimirse, compartir a súa experiencia a modo de confesión. Elixe a escrita dun blog porque lle permite dar conta da súa historia desde a anonimia, ordenar o seu pensamento, reflexionar sobre o sucedido. O propio título da obra refírese a angustia que Delia sentiu ao gardar silencio ante eses feitos crueis: ela quere poñer en palabras o que viviu, avanzar a través delas e tratar de perdoarse a si mesma. (…)”