Desde Nós Diario:
“A nómina de libros e autoras máis demandadas polos Clubs de Lectura do ensino secundario no curso 2019/2020 está liderada por Infamia e pola súa autora Ledicia Costas, que ten outro título, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, na sexta posición.
Infamia, que integra o catálogo de 109 dos clubs participantes, conta a historia de Emma, unha avogada profesora de dereito penal que chega á vila de Merlo para dar clases, sen saber que o lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada ao lugar coincide cos 25 anos da desaparición das irmás Giraud.
A segunda obra no ránking é a Memoria do silencio de Eva Mejuto, unha novela a tres voces, as de Günter, Lola e Frieda, que explora desde 1943, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galiza durante a II Guerra Mundial.
O terceiro lugar ocúpao a obra de María Solar Os nenos da varíola, que conta a historia das crianzas “heroicas” que transportaron nos seus corpos a vacina da varíola na súa viaxe a América. E xusto detrás, Beleza vermella, de Arantza Portabales. Unha novela negra que relata o “espantoso” crime cometido nunha instalación artística de vangarda.
Completan o “top ten” entre a listaxe dos 50 máis lidos: O último barco, de Domingo Villar; Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras; O neno do pixama a raias, de John Boyne; Senlleiras, de Antía Yáñez; e Mentira, de Care Santos.
Máis alá dos títulos máis demandados entre os clubs de lectura no curso pasado, é significativa tamén a preferencia por determinadas autoras e autores. Nesta liña, Ledicia Costas encabeza este catálogo, con 109 lecturas, case duplicando en lecturas o segundo autor posicionado, o finado Agustín Fernández Paz, con 58 lecturas.
Por detrás destes cómpre resaltar a presenza doutros nomes, dos que tamén as súas últimas novidades son as máis lidas, como é o caso de Andrea Maceiras, en terceiro lugar, e Eva Mejuto no cuarto.
Na mesma listaxe Domingo Villar, Antía Yáñez, María Solar e Care Santos ostentan as posicións sétima, oitava, novena e décima. Antes deles, o autor catalán Jordi Sierra i Fabra e a galega María Reimóndez ocupan a quinta e a sexta posición.”
Arquivos da etiqueta: O que sei do silencio
Andrea Maceiras: “O acoso é un problema global que non afecta só a acosador e vítima, senón a toda unha comunidade”
Entrevista a Andrea Maceiras en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Como nace O que sei do silencio (Xerais, 2018)?
– Andrea Maceiras (AM): A novela está libremente inspirada nunha historia real que me contou unha amiga que era profesora, algún tempo antes de que eu comezara na docencia. O relato que me fixo emocionoume moito e fíxome reflexionar sobre a idea preconcibida e moitas veces errónea que temos (ou que eu tiña) do acoso. A vítima deste caso tiña un perfil moi diferente do que habitualmente imaxinamos e iso levoume a pensar en que todos somos susceptibles de sufrir acoso e que mesmo para unha persoa acosada pode chegar a ser moi difícil chegar a recoñecerse nese papel. A sociedade invítanos a parecer fortes, felices, populares. E fainos crer que pedir axuda nos volve débiles. Iso convirte o acoso nun monstro silencioso, difícil de explicar para quen o sofre e difícil de detectar para os demais. (…)
– PG: a nivel narrativo escolle voces distintas, o que permite visualizar a situación dende perspectivas e temporalidades diversas. Foi sinxelo codirixir todas estas voces distintas sobre a traxedia?
– AM: A novela foi difícil no sentido de que aborda un tema delicado que afecta a adolescentes que se achan nun momento sensible das súas vidas, construíndo a súa identidade persoal e a súa forma de mirar o mundo. O feito de que existan diferentes perspectivas responde á idea de que o acoso é un problema global que non afecta só a acosador e vítima, senón a toda unha comunidade. A narradora acaba por decatarse de que os responsables do acoso tamén son aqueles que, sabendo que existe, no fan nada por evitalo, á marxe da súa condición ou idade. O resto das voces que contribúen ao relato, completan a súa visión sobre o problema.
– PG: Delia, a voz máis principal, abre un blogue no que relata a súa visión de todos estes meses nos que acosou. Pensa que escribir é un acto terapeutico?
– AM: Escribir (igual que ler) ten algo de terapia, de catarse, de liberación. Delia é unha adolescente que busca redimirse, compartir a súa experiencia a modo de confesión. Elixe a escrita dun blog porque lle permite dar conta da súa historia desde a anonimia, ordenar o seu pensamento, reflexionar sobre o sucedido. O propio título da obra refírese a angustia que Delia sentiu ao gardar silencio ante eses feitos crueis: ela quere poñer en palabras o que viviu, avanzar a través delas e tratar de perdoarse a si mesma. (…)”
A escritora Andrea Maceiras preséntanos O que sei do silencio
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A escritora Andrea Maceiras preséntanos O que sei do silencio, unha novela xuvenil, publicada por Xerais, atravesada polo acoso escolar. A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 4 e 5 de agosto
O 4 e 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 4
– 18:00 h. Estefanía Padullés presenta Max e Lea. Obradoiro para debuxar un dinosaurio.
– 18:00 h. Bea Lema asina exemplares de O corpo de Cristo, XII Premio Castelao de Banda Deseñada, publicado pola Deputación da Coruña. Na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:00 h. Marcelino Fernández Mallo asina O bolseiro de Ingatex, na caseta de Lume.
– 19:00 h. Xoán Babarro asina O baúl de Domingo Quintas na caseta de Hércules Edicións.
– 19:00 h. Presentación de Mael. Máis alá da Fraga de Cornanda, de Uxía Meirama e Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.
– 19:45 h. Presentación de O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado (na carpa de infantil).
– 20:00 h. Sinatura de Yolanda Castaño na Libraría Azeta.
Domingo 5
– 13:00 h. Presentación de Patacas e máis patacas. O misterio da Casa Grande, de María Acosta.
– 19:00 h. Héctor Cajaraville asina Nova Nursia, na caseta de Lume.
– 19:00 h. Presentación do libro Lingua de Eva e Adán. Sobre poesía e poetas, de Xavier Seoane, publicado por Espiral Maior. Participan Eva Veiga, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.
– 19:30 h. Paco Nogueiras asina Radio Bule Bule e Brinca vai!, na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:45 h. Negro sobre negro. Conversa de Diego Ameixeiras, autor de A crueldade de abril, publicado por Xerais, e Nieves Abarca, autora de El beso de Tosca.
– 20:00 h. Xurxo Souto asina na caseta de Lume.
– 20:30 h. Presentación dos novos títulos da colección Mulleres Bravas da nosa historia, con María Reimóndez, Eli Ríos, Andrea Jamardo e Andrea Barreira.