Cándido Pazó: “O teatro tamén pode ser xogar por xogar e divertirse, contar historias por contalas”

Entrevista de Montse Dopico a Cándido Pazó en Praza:
“(…) – Praza (P): Como decidiches volver facer Commedia 25 anos despois? Se cadra xa o pensaras antes…
– Cándido Pazó (CP): Si, xa o pensara para os 15 anos e para os 20, pero non se deu a conxuntura. Cando se cumpriron os 15 anos eu non tiña unha compañía abondo potente para amparar un proxecto coma este, e cando se fixeron os 20 andaba con outros proxectos… Cando viñeron os 25 dixen: ou agora ou nunca. E así foi. O teatro é ao vivo, non é coma unha película, que se pode repoñer. E hai certos espectáculos, como lle pasou a Chévere por exemplo, que teñen que tomar vida outra vez, e a única maneira é, -non vou dicir repoñelos porque non é palabra-, revisitalos. Isto é, ademais, o normal nos países cunha tradición teatral madura: revisitar éxitos teatrais cada certo tempo. (…)
– P: O texto contén chiscadelas á actualidade, referencias ao lugar… Supoño que fóra de Santiago non se cita o cemiterio de Boisaca…
– CP: Non, claro, en Olmedo preguntamos polo cemiterio e dixéronnos que o estaban ampliando. Metemos iso no texto e non debía ser un feito moi coñecido porque só riu o alcalde… E o Dottore non recitou Negra Sombra, senón El caballero de Olmedo…
– P: Outro detalle que é do teatro contemporáneo é iso que chaman ruptura da cuarta parede. Os actores diríxense directamente aos espectadores ao principio e ao final e algunha vez polo medio, saen e entran do personaxe diante de nós…
– CP: Pois en realidade iso se facía nos séculos XV, XVI e XVII, o que pasa é que despois perdeuse, e retomouse no XX. Lembra que o teatro facíase na rúa, así que era doado que os actores falasen co público… O que pasa é que o teatro tivo, no XIX, unha fase realista na que se trataba de “reproducir” a realidade. Pero despois veu o cine e viuse que mellor que o cine non ía facelo… E acabouse entendendo que o teatro é unha mentira marabillosa, que se non se trata tanto de verosimilitude senón de xogo, dunha convención que o público acepta. Por iso non é tanto facer algo “natural” ou “realista” senón facer algo que funcione, algo no que o público acepte xogar. (…)”