Entrevista a Manuel Rei Romeu en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Que lle parece a chegada a Galiza da obra A derradeira lección do mestre, de Castelao?
– Manuel Rei Romeu (MR): En primeiro lugar, hai que dicir que este é un logro da ILP aprobada hai tres anos; en segundo, que as autoridades no momento da desembalaxe da obra falan de proxección de futuro, e non de refrescar a memoria aos galegos e galegas.
– SG: Que elementos simbólicos destacaría?
– MR: Estamos diante da imaxe máis impactante da obra de Castelao. Bota man de aspectos potentes: o mestre asasinado, unha figura especial, un mártir por ser leal aos seus principios ideolóxicos, os do Partido Galeguista; dalgún xeito falamos do alter ego de Castelao. Ninguén discute ver nela a imaxe de Bóveda. Destaca tamén a presenza dos nenos, que en Castelao teñen unha simboloxía clara; un chora, outro ampara. A idea é que son a esperanza do porvir e a semente de futuro. Coido, con todo, que o símbolo máis potente son as dúas árbores podadas, mutiladas, mais que non están mortas. Son carballos, con vida e cheos de forza malia seren mutilados.
– SG: Só estará na Galiza até marzo. Que opina?
– MR: Evidentemente, o lenzo tiña que quedar aquí. A Xunta di que hai que respectar a emigración, mais coido que se xestionaron a súa chegada foi con certa molestia porque dalgún xeito se viron forzados pola ILP de 2015. A obra de Castelao está espallada por centos de lugares e o lóxico sería que estivese compilada nun museo. Falamos dun referente dunha dimensión que poucas nacións teñen e a súa obra debería proxectarse da forma que merece.”