Entrevista a Xosé Miranda en Lugo Xornal:
“Ao abeiro do Letra das Festas 2018, a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega recalou no Vello Cárcere para unha singular xuntanza arredor da literatura de tradición oral. A ocasión contou co concurso de Tundal, un quinteto capaz de musicar as historias máis inverosímiles da memoria colectiva da provincia de Lugo. Entre cantos e cancións foron rescatados persoeiros e anécdotas, algunhas de fina ironía, outras grotescas, todas coa capacidade de arrincar un riso incluso nos episodios máis desapiadados.
O humor foi o denominador común das intervencións de Antonio Reigosa, Lois Pérez, Paco Nieto, Emma Alonso, Marcelo Castro, Orestes Currás e Xosé Miranda. Este último tivo a ben compartir co xornal algo máis do herdo lendario galego, que este prolífico autor e mestre lucense domina e verte sobre a súa obra.
– Lugo Xornal (L): Que é o que atopa tan fascinante na tradición oral de noso?
– Xosé Miranda (XM): Por un lado, a supervivencia aínda dos mitos e as lendas tradicionais, dun mundo rural que está en proceso de desaparición, pero no que aínda permanecen grande parte dos contos, lendas e mitos. Algúns dos mitos e das lendas nos retrotraen a unha época moi antiga, probablemente ao Neolítico, nos principios da agricultura, coma a lenda das mouras. Que aínda exista esa figura, que aínda se poida contar, que aínda siga a haber xente que cre nela; téñome atopado mesmo con xente nova que cre nesa figura.
Por outro lado, impresióname moito como se foi transformando a narrativa oral, como agora se conta doutras maneiras, aínda que se contan as mesmas cousas. As lendas urbanas, os novos modos de transmisión. Todo ese folclore é literatura sen libros, transfórmase e resístese a morrer. E como nutre a gran literatura, xa dende a época dos clásicos gregos e romanos, e incluso agora mesmo, collendo o que a xente conta. Moitísimas cousas que parecen invencións dos escritores, que parecen de colleita propia, proceden do que eles escoitan pola rúa, nas aldeas ou do que circula por internet.
– L: E que hai desa tradición oral na súa obra?
– XM: Pois creo que moito: os meus libros están directamente construídos a partir diso. Por exemplo, Historia dun paraugas azul. É o partir dese mundo da mitoloxía popular, como por outra parte fixo Tolkien con O señor dos aneis. En toda a literatura está presente, e no meu caso clarísimamente porque me impresiona moito o mito, e son moi interesantes as maneiras de narrar do narrador oral, que impregnan moita da literatura moderna.
– L: Hai detrás un traballo de equipo. Reigosa, Cuba…
– XM: Fixemos moitas cousas, en colaboración con Cuba e con Reigosa, coma o Dicionario de Seres Míticos Galegos. Parecíanos que faltaba iso, que en Galicia non se estaba valorando a mitoloxía propia, e nin sequera se recoñecía que existise unha mitoloxía propia.
Iso é o que daquela nos interesaba máis, xunto con recuperar os contos populares galegos, xa que os nenos galegos tiñan á súa disposición contos de antes, os de Grimm, Andersen, Perrault, mesmo os contos populares españoles, pero non os galegos, nin con unha ilustración competitiva. Para iso fixemos a [colección] Cabalo Buligán.
Logo puxémonos coas lendas, para intentar demostrar que nós temos as nosas propias lendas, que están por todas partes e que ás veces non as recoñecemos como o que son. Ese foi o noso traballo, un traballo de equipo.
– L: Xuntarse aquí, no Letra das Festas do San Froilán, é unha rara oportunidade.
– XM: Están intentado revalorizar e poñer outra vez en funcionamento a vella maneira de contar, que era reunirse os veciños e contar cousas. Os humanos sen memoria non somos nada. A memoria é o que somos, sen memoria seríamos outra cousa. Desprazar a memoria propia e estar sempre fixándose no que vén de fóra, que a maioría das veces é o mesmo, é un pouco de parvos. Nós pensamos que no mundo falta comunicación, conversa entre as persoas, máis xente para falar uns cos outros.
– L: Por que ‘Xente daquela maneira’? Por que centrarse nos fatos, falsarios, malpoucados, traslidos…?
– XM: Supoño que unha parte importante da memoria dos lugares, e de Lugo, son esa xente rara, diferente, que sempre marca. Cando eu era neno estas personaxes eran moi abundantes, todos eses toliños, estrambóticos. Parece que se perde a memoria deles, e temos que fixarnos un pouco máis.
Forman parte da cultura, e sabendo quen eran, que cousas facían, podemos entender moitas outras cousas. Algúns deles están retratados no museo. Temos retratos desas persoas e non sabemos quen eran, só a xente maior. Convén rescatar esa memoria.
– L: No día a día está en contacto cos cativos, e hai unha parte da túa literatura recoñecida como infantil e xuvenil. Pode recuperar a tradición oral o papel que tiña de transmisión entre xeracións?
– XM: Cando chego aos colexios e institutos para contar contos e lendas, tento que eles me conten a min. E moitas veces levo a sorpresa de que saben moitas, e efectivamente, isto segue vivo nas casas. Algunha vez teño chegado e escoitar cousas novas dos rapaces, que non me contaran nunca.
A transmisión da literatura oral non desapareceu, cambiou a maneira. Algunhas partes decaeron, pero outras están moi vivas. Hai novas ferramentas, novas maneiras. Vístense con vestidos novos as cousas vellas.
– L: Está agora mesmo con algún proxecto propio?
– XM: Teño un proxecto dende hai uns anos, o que pasa é que vou lento. Hai que seguir. É unha historia para nenos relacionada coa tradición oral. Cando meu pai ía de viaxe, preguntáballe que me ía traer. E dicía ‘vou traerche un corredrás, un brincaparedes e un mirapatrás’. Nunca souben o que eran, pero quero inventar eu o que son e contar unha historia sobre eles.”