A evolución de Calpurnia Tate (tamén unha revolución)”, por Beatriz Maceda

Artigo de Beatriz Maceda na Sega:
“Os títulos nos libros teñen a súa importancia, e se son de LIX, probablemente máis. Ás veces, aparecen como por arte de maxia, incluso antes de empezar a escribir a historia, outras polo medio do proceso da escrita; mais tamén hai ocasións en que temos que buscalos con toda a imaxinación posta ao seu dispor e, até pedir axuda a “esas histéricas”, como chamaba a poeta Wislawa Szymborska ás musas.
A evolución de Calpurnia Tate é un título fermoso que inevitabelmente, achéganos a Darwin e ao seu libro A orixe das especies. Así é, que cada capítulo da novela comeza cun parágrafo do libro de Charles Darwin.
Cando un naturalista novo comeza co estudo dun grupo de organismos completamente descoñecido para el, ao principio vacila moito no intre de determinar as diferenzas (…) porque non sabe nada verbo da cantidade e xeitos de variacións aos que está suxeito o grupo…
Utilizar, na mellor das acepcións da palabra, a Darwin para contarnos a vida da nena de once anos ten tamén o seu aquel. Estados Unidos, que xa sabemos é unha país cheo de contradicións, leva de sempre dividido entre os Creacionistas, e os que defenden a teoría de Darwin; até o punto de desaparecer a segunda do curriculum educativo, nalgúns dos seus estados. Na actualidade, un corenta e sete por cento da poboación americana esta en contra da teoría da evolución. Jacqueline Kelly, muller de ciencia, postúlase, a través desta historia a favor da teoría darwinista. (…)”