Segunda fase de intervención na Sección de Literatura Dramática da web da AELG

En 2018 completouse a segunda fase da intervención na Sección de Literatura Dramática da web da AELG, presentada a finais de 2017, e que ten como obxectivo facilitar aos equipos artísticos (profesionais ou afeccionados) unha ferramenta para que poidan atopar pezas de literatura dramática adecuadas ás posibilidades de representación de cada compañía de teatro. Os campos que facilitan esa busca son modalidade escénica, xénero, duración, estilo e número de personaxes; van acompañados tamén de espazos, dramatis personae, personaxes masculinas e femininas, sinopse e, ademais, indícase se a peza foi ou non estreada e, en caso afirmativo, nome da compañía, dirección, teatro e data de estrea. En 2017 documentáronse e clasificáronse a metade das 300 obras dramáticas por parte dunha persoa con titulación superior en Dirección escénica e Dramaturxia; neste 2018, grazas ao apoio do Agadic, completáronse e incorporáronse outras máis de 100 obras, co que se continuou avanzando no obxectivo de lograr achegar o teatro á sociedade e ao ensino, facilitando a divulgación da obra e a súa representación escénica.
Tamén co apoio do Agadic neste 2018 procedeuse á inclusión sistemática e pormenorizada na Axenda Cultural da AELG, páxina web da AELG e redes sociais da entidade (Facebook e Twitter) das novas relacionadas co teatro e a literatura dramática en lingua galega, tanto de persoas socias como do tecido teatral galego, permitindo, deste modo, unha maior visibilización do feito teatral, creando unha vía adicional de comunicación e información ao público das actividades directamente vinculadas ao sector.