Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): Segue vostede a escribir moito e ben, e ten lectores moi fieis e incondicionais, pero que lle presta facer a estas alturas da súa vida, con que proxectos anda agora mesmo?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Moitos proxectos non se poden ter. A certa idade hai que ter proxectos de pequena tonelaxe e no curto prazo. Claro que sempre hai poemas dentro, sempre hai relatos e contos e cousas que bulen na cabeza e que van saíndo cando queren. Ao seu ritmo. Eu nunca tiven présa por escribir, nin tampouco ansiedade por non escribir, ou por estar máis ou menos inspirado, nin por ter que andar enleado en grandes obras, e igual por iso sempre escribín cousas curtas. Á miña idade gústame moito o xornalismo e síntome moi cómodo escribindo para o xornal cousiñas coma as que fago agora. (…)
– A: E quen era aquela tropa que andaba arredor do grupo Brais Pinto, só universitarios ou tamén traballadores?
– XLMF: Brais Pinto felizmente estaba fóra da universidade. Digo felizmente, non porque odie a Universidade de Madrid. Pese ao que se diga nalgúns libros de texto, Brais Pinto non era un grupo universitario, pois universitarios só eramos tres, Herminio Barreiro, Ramón Lorenzo e mais eu, que viviamos dos nosos pais. O resto eran traballadores, da construción, ou da industria e outros da banca, como Reimundo Patiño. A maioría estaban implicados no mundo laboral e iso notábase nas posicións de esquerdas e no compromiso político. Por outro lado, acumulaban uns enormes coñecementos en materia de arte, pintura, escultura, como por exemplo no caso de Patiño, e eran moi avanzados politicamente. En xeral, abranguían un mundo de coñecementos en materia de política, filosofía ou arte, que non era o común, non era o que se recibía, por exemplo, a través das revistas culturais da época, e non digamos xa nas que eran máis do réxime. Non coñecían a cultura a través das revistas, suplementos ou das páxinas culturais dos diarios da época, ían directamente ás fontes. E iso abriunos a mente.
– A: E quen era ese tal Brais Pinto, de onde lle veu o nome ao grupo?
– XLMF: A verdade é que seica era un afiador, non sei de que aldea, de Nogueira de Ramuín. Deu a volta ao mundo varias veces coa roda e foi morrer en Madrid atropelado por un autobús ou un tranvía. Non é verdade, non ou si… quen sabe… igual é todo un invento de Xosé Fernández Ferreiro.
– A: Despois vostede colle tamén a súa roda de afiar e comeza a viaxar fóra. Vai a Oxford, coñece a cultura inglesa, viaxa algo por Europa. E como foi a experiencia afeito a vivir en España?
– XLMF: Da cultura inglesa fundamentalmente aprendín no pub. Oxford é unha cidade moi culta, mais tamén é obreira, cousa que se ignora habitualmente. Alí estaba en Cowley, nas aforas de Oxford, onde estaba a fábrica de Morris, e moitos traballadores, onde por certo traballei un pouco tamén, na limpeza. Aínda había obreiros maiores que se me queixaban porque Inglaterra non tomara partido na Guerra de España, que eles se lembraban, e por suposto estaban a favor da República. Eran laboristas que falaban igual cós comunistas, e iso era Oxford. Había cultura na universidade, en medios moi restrinxidos, por parte de persoas que despois foron dirixentes en África, estudantes das antigas colonias e por parte doutros que chegarían a ser dirixentes políticos e intelectuais na ciencia e nas letras. E había un coñecemento do marxismo infinitamente superior ao que había en España, e mesmo nos medios que se chamaban comunistas. Alí sabíase perfectamente o que era, líase, estudábase e comentábase. En realidade Oxford foi un achegamento ao marxismo, fundamental e sen tópicos, pois o marxismo vulgar xa o levaba incorporado eu, pero alí entrei en contacto xa co marxismo serio, con rigor. (…)”